Máis de 120 persoas percorreron os 8 km da primeira etapa do Camiño Inglés e a Deputación inaugurou en Bishop Auckland a sinalización do 2º tramo da ruta xacobea
Unha delegación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Deputación da Coruña participou esta fin de semana nunha peregrinación entre a Abadía de Finchale, inicio do Camiño Inglés, e a localidade de Durham, no nordeste da Inglaterra. Unha iniciativa na que tomaron parte máis de 120 persoas que recuperaron, deste xeito, unha tradición que levaba dous anos suspendida pola Covid-19: a peregrinación na honra a Saint Cuthbert.
A delegación galega estivo encabezada polo deputado delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior, Antonio Leira; e a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, en representación do presidente Manuel Mirás, ausente por estar a recuperarse da Covid. “Moitas das persoas presentes levaban o pasaporte de peregrino, xa que esta etapa está recoñecida oficialmente como unha sección do Camiño Inglés, como o inicio da ruta cara Santiago de Compostela, como adoita dicir o noso presidente”, sinala García Souto.
De feito, Leira Piñeiro aproveitou esta viaxe para inaugurar a sinalización do segundo tramo do Camiño Inglés na Inglaterra, entre a Catedral de Durham e Bishop Auckland. En presenza da alcaldesa da localidade, Katie Eliot, Leira chantou o sinal simbólico do Camiño a Santiago no chamado Parque dos Cervos. “Quero agradecer a Friends of Finchale Camino o seu traballo de identificación da ruta xacobea entre a catedral de Durham e Bishop Auckland, que está agora perfectamente sinalizada ao longo dos seus máis de vinte quilómetros”, expresou o deputado provincial.
Peregrinación
Os oito quilómetros entre a Abadía de Finchale e a catedral de Durham están perfectamente sinalizados, grazas ao traballo conxunto da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Os peregrinos foron recibidos no mercado de Durham polos Northumbrian Pipers, que os guiaron en procesión coa bandeira de St Cuthbert ata a catedral, onde foron recibidos polo deán.
St Cuthbert foi un monxe e bispo anglosaxón que está considerado un dos santos máis importantes da Inglaterra medieval. Ademais de ser o patrón de Northumbria, é popularmente coñecido como “o santo patrón do norte de Inglaterra”. A súa festa celébrase todos os 20 de marzo cunha peregrinación en lembranza ao traslado dos restos do santo ao sitio da catedral.
Resto da xornada
A maiores, a delegación galega participou en diversos encontros para coñecer máis de preto a realidade da zona como o pazo do arcebispo e a Spanish Gallery, un centro cultural que acolle a maior colección privada do mundo de Zurbaráns. Así mesmo, entrevistáronse na cidade de Durham cos responsables da área de turismo do condado, un dos máis activos de todo o nordés inglés.
Finalmente, a expedición dirixiuse ao St. John’s, un colexio con 1.500 alumnos que fan cada ano traballos relativos ao Camiño Inglés e que é un referente educativo na contorna. No centro, o deputado descubriu unha placa que reafirma o compromiso coas peregrinacións a Compostela. Na súa visita aproveitou para facer entrega de dous premios a un grupo de alumnos que participaron nun traballo escolar promovido desde o Concello de Oroso.