Nota de prensa

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a UDC asinan un convenio para facer un estudo sobre as potencialidades desta ruta xacobea

Manuel Mirás destaca que “este estudo vainos permitir coñecer as nosas fortalecas e debilidades, pero tamén as oportunidades que se nos presentan cara o futuro”.

Julio Abalde agarda que “o traballo sexa unha ferramenta moi válida para que os concellos poidan planificar o seu futuro”

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, asinaron esta mañá no Reitorado da UDC un convenio de colaboración para a realización dun completo estudo sociocultural, económico, medioambiental e institucional que permita identificar os elementos máis relevantes do Camiño Inglés de cara á proposta de estratexias e accións concretas que afiancen a súa sostenibilidade.

Manuel Mirás puxo en valor o convenio asinado hoxe como un dos tres eventos máis importante na curta historia desta entidade, canda a súa propia constitución e a consecución do apoio da Deputación da Coruña. “Estou convencido da gran potencialidade desta ruta e estou seguro de que, coa colaboración da Universidade da Coruña, seguiremos sumando esforzos para situar ao Camiño Inglés no lugar que lle corresponde”, sinalou o presidente da entidade.

Neste sentido, Manuel Mirás destacou que “este traballo vainos permitir moitas cousas que descoñecemos do Camiño Inglés e, sobre todo, vainos permitir coñecer as nosas fortalezas e debilidades, pero tamén as oportunidades que se nos presentan cara o futuro”. O presidente da Asociación salienta que o Camiño Inglés “pode converterse nunha importante fonte económica para os veciños e veciñas dos concellos por onde discorre”.

Segundo datos da Oficina do Peregrino, en 2019 fixeron o Camiño Inglés un total de 15.780 persoas. Pode que vos pareza un dato pequeno, comparado cos case 190.000 peregrinos do Camiño Francés… pero, se botamos a vista dez anos atrás, vemos que o Camiño Inglés é o que medra a maior ritmo de todos: un 780% nesta última década. O Francés tamén crece, pero un 68%”, exemplificou Mirás Franqueira.

Visibilizar o Camiño

Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña destacou que “este é o primeiro convenio que se firma por profesorado da titulación de Turismo”, recentemente incorporada e salientou a importancia da realización deste tipo de traballos porque “é importante ser quen de analizar todas as posibilidades de desenvolvemento económico e social que nos permitan volver canto antes á situación anterior”.

Julio Abalde salientou tamén que “é importante que se visibilicen outros Camiños, non só o Francés”, sobre todo cando entramos nunha década con tres anos xacobeos. “Espero que o traballo sexa unha ferramenta moi válida para que os concellos por onde pasa o Camiño Inglés poidan planificar o seu futuro”, indicou o reitor coruñés, quen agradeceu a confianza depositada na Universidade da Coruña “e que isto sexa o inicio dunha colaboración futura”.

Traballo

No acto estiveron presentes Carlos Rodríguez Carro e Pablo Abeal, profesores da UdC responsables da investigación. Carlos Rodríguez explicou que o obxecto do estudo “ten como obxectivo principal a identificación dos elementos máis relevantes do Camiño Inglés para a proposta de estratexias e accións concretas que afiancen a súa sostenibilidade. Esta perspectiva ten catro piares esenciais: socio-cultural, económico, medioambiental e institucional. A información necesaria acadarase principalmente a partir do deseño e realización de enquisas. A secuencia de traballo cos puntos principais é a seguinte:

    1. Análise do coñecemento do Camiño Inglés dende a perspectiva nacional e europea (centrada no Reino Unido e países do norte de Europa). Estudo das características, percepción e motivación do peregrino potencial.
    2. Análise do perfil, necesidades e opinións dos peregrinos neste atípico ano de pandemia pola Covid-19.
    3. Estudo do coñecemento do Camiño Inglés por parte das persoas encargadas da xestión turística nos distintos Concellos por onde transcorre esta ruta.
    4. Análise da visión do Camiño Inglés polos residentes dos diferentes Concellos por onde transcorre esta ruta.
    5. Análise do perfil, necesidades e demandas das empresas que prestan servicios turísticos no Camiño Inglés.
    6. Análise conxunto dende a perspectiva da sostenibilidade do Camiño Inglés (visión económica, social, institucional e medioambiental).
    7. Estudo do impacto socioeconómico do Camiño Inglés no territorio polo que que transcorre.

Á sinatura do convenio de colaboración asistiron tamén o director-xerente da Fundación Universidade da Coruña, Juan José Gómez Romero; a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García Souto; e o deputado provincial responsable de Economía, Antonio Leira Piñeiro.