Onde comer?

Unha viaxe gastronómica polo Camiño Inglés

A mellor comida de Galicia está presente ao longo de toda a ruta. Non dubides en explorar a gastronomía local.

Scroll

Escusas para darse unha viaxe por Galicia existen moitas, pero unha das mellores é, indiscutiblemente, coñecer e saborear a súa enogastronomía. Carnes de tenreira ou de porco, queixos, peixes, mariscos e produtos da horta acompañados dos mellores viños e licores con Denominación de Orixe son algúns dos ingredientes da gastronomía típica de Galicia, e as receitas tradicionais as que fan que estes pratos sexan tan valorados en todo o mundo.

Por iso, a gastronomía é tamén un dos grandes puntos fortes que ten o Camiño Inglés. Ao planificar calquera viaxe non debemos deixar de lado a gastronomía que o caracteriza. Unha das formas máis apetecibles de coñecer calquera pobo é degustando unha boa comida, tradicional e típica do lugar. Isto tamén ocorre no Camiño Inglés a Santiago, onde atoparás restauración axeitada para tal fin. Coñece ben a gastronomía no camiño inglés 

Empanada Galega

Cada zona ten a súa propia receita, así que imaxina cantas versións deste prato podes probar! Pero en todos os lugares a base destas empanadas é a mesma: unha masa feita de fariña que está rechea de carne, pescado, marisco ou da variedade de produtos da horta. Así, atoparás empanadas recheas de delicias como polbo, bacallau, bonito, zorza, pementos… pon a proba os recheos da gastronomía no camiño inglés 

Polbo á Feira

Prato típico por excelencia da gastronomía galega. O polbo á feira, ou polbo á galega, é tan delicioso como recoñecido nacional e internacionalmente. Elaborado seguindo a receita tradicional, con aceite de oliva e pemento, é o prato ideal para compartir nunha conversación entre amigos ou familiares, acompañado dun bo viño galego.

Pescados e Mariscos

Os mariscos e peixes son os produtos estrela da gastronomía galega. Por iso, en varios restaurantes do Camiño Inglés podes atopalos no menú, moitas veces en forma de mariscadas, caldos e arroces nos que gozarás do sazón típico da zona. Produtos de primeira calidade, extraídos das costas dos concellos polos que transcorre o Camiño Inglés. Nunca perdas de vista a costa e poderás observar o laborioso traballo feito polas profesionais do mar.

A Tortilla de Betanzos

Famosa internacionalmente, cando cheguemos á localidade de Betanzos non podemos deixar pasar a oportunidade de probala. Aínda que, a priori, pode parecer un prato moi simple, a tortilla de Betanzos é moi particular ao tratarse dunha versión melosa e moi pouco callada, da receita tradicional feita con aceite de oliva, pataca galega, sal e ovos campeiros.

É o prato por excelencia da gastronomía betanceira, que se pode degustar en case todos os bares e restaurantes da cidade.

Pan de Carral

O pan de Carral é un produto artesanal elaborado de forma tradicional, polo que ten gran recoñecemento. O éxito deste pan, caracterizado pola súa miga esponxosa, reside na súa elaboración e na calidade dos cereais cos que se cociña (que historicamente procedían do solo fértil do Val de Barcia, que sempre deu produtos de gran calidade grazas á presenza do río e ao seu clima). Ten forma de bolo, chamado molete ou bolo de moño, e amásase de forma manual con trigo da zona. O éxito desta receita fai que se distribúa tamén a nivel nacional. Ocórreseche un acompañamento mellor para a túa comida?

Pan de Neda

Percorrer o Camiño Inglés permite degustar os mellores pans do país. Ademais do xa citado de Carral, en Neda enfórnanse uns pans deliciosos. Un anaco deste produto fainos viaxar pola súa historia, pois esta pequena localidade chegou a ser a capital do trigo de Galicia e os seus fornos encargáronse de abastecer durante un século ás armadas dos Reis de España.

A experiencia do pan en Neda compleméntase coa ruta dos muíños de trigo, un percorrido pola tradición artesá da vila nun entorno natural privilexiado.

Torta de Santiago

Sempre hai que deixar lugar para a sobremesa. Neste caso non podes rematar a túa experiencia gastronómica sen degustar a torta de Santiago, cuxa receita se basea na mestura de ovos, azucre e améndoas. Recoñécese pola súa característica cruz de Santiago debuxada con azucre glas. Toda unha delicia!

PROIA

A proia é un doce tradicional de Pontedeume. A súa elaboración consiste nunha masa con fariña, manteiga, fermento, azucre e anís. A masa cócese no forno cuberta de azucre e, en ocasións, tamén se lle pode engadir canela. Unha vez cocida bótaselle o anís pola superficie e introdúcese de novo no forno para queimala suavemente mentres se funde co azucre. A proia é un doce moi reclamado polos habitantes da vila, sobre todo en épocas de festa.

A Costrada

A costrada é un tipo de empanada característica da localidade mariñeira de Pontedeume. Segundo a tradición, a receita desta delicia procede dunha comunidade de monxes italianos da orde de San Agustín e data da Idade Media.

Trátase dun prato moi particular xa que, a diferencia da empanada convencional, a costrada consta de varias capas de carne ou pescado separadas por unha masa moi especial. O máis habitual é que se elabore de 3 capas de carne (polo, lombo e xamón) ou de peixe (rodaballo e vieiras).

Sardiñas lañadas

O modo de elaboración das sardiñas lañadas foi transmitíndose de xeración en xeración ata os nosos días. A receita tradicional indica que este peixe debe salgarse e logo poñerse ao sol para finalmente cociñalas á grella. Un prato único que non che deixará indiferente!

Troitas de Oroso

O Concello de Oroso é famoso pola Festa da Troita, que se celebra tradicionalmente cada mes de maio. As troitas son un peixe moi recomendable para os peregrinos, posto que son parte da tradición do Camiño Inglés.

CEBOLA CHATA DE MIÑO

A Feira da cebola chata de Miño, que se celebra no verán, ten como obxectivo a posta en valor deste prezado produto, dentro da gran variedade de produtos da horta que existen nesta zona.

Repolo de Betanzos

Ademais da famosa tortilla, é indiscutiblemente un dos pratos estrela non só da vila senón de Galicia. En Betanzos cultívase unha variedade de repolo moi valorado polo seu sabor doce. Calquera peregrino do Camiño Inglés agradecerá repoñer as forzas tras unha longa xornada cun delicioso caldo galego elaborado a base deste tipo de repolo que, ademais, é moi difícil de atopar fóra da comarca.

Como de famosa será esta hortaliza que ata ten a súa propia canción! Tras probalo poderás cantar: Arroz con chícharos, patacas novas, repolo de Betanzos e máis cebolas…

Pementos do Couto

Os pementos do Couto poden ser menos coñecidos que os de Padrón, pero para nada son menos deliciosos! Están moi valorados porque os pementos desta denominación non pican, así que poderás degustar o seu sabor doce e lixeiramente herbáceo con tranquilidade. Son un produto obrigado para os peregrinos ao estar moi presentes no Camiño Inglés, xa que se producen nos concellos de Narón, Ferrol, Neda e Fene.

A Horta de Paderne

Os cultivos de horta tradicional sempre foron unha riqueza no municipio aos que agora se suman os cultivos comerciais en agricultura ecolóxica.

Paderne contou de sempre con fama de boas patacas, cebolas, leitugas e repolos. Desde este concello abastecíanse os mercados e tendas de toda a comarca, constituíndose así como a horta de todos os concellos limítrofes.

Dos cultivos ecolóxicos cabe destacar o proxecto de cultivo 100% ecolóxico Orballo, que están a cultivar especies de plantas aromáticas e infusións recoñecidas e premiadas a nivel mundial, cultivando o primeiro té ecolóxico de Europa. Ademais ofrecen visitas guiadas polas instalacions e participar en catas das infusións que alí se comercializan. Tamén destaca Seitura, explotación para a producción de horta e froita certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) contando tamén con animais de granxa, nos que figuran a produción avícola artesana da raza Galiña de Mos e a recuperación doutra raza tradicional como é o Porco Celta.

Queixos

Un dos produtos artesanais con máis arraigo nas Mariñas son os queixos, elaborados con técnicas tradicionais, algúns deles incluidos dentro da D.O. Arzúa-Ulloa. Por iso, aquel peregrino que queira facer unha inmersión na totalidade da gastronomía do Camiño Inglés non debe esquecer este produto. Recorda deixar un oco ás costas para levar o teu queixo! En concellos como o de Abegondo, Paderne, Mesía ou Ordes poderás atopar queixerías.

GRELOS DE ORDES

Os grelos en Ordes e as mulleres que os venden ao pé da estrada, forman parte do imaxinario común deste territorio. O Concello de Ordes pode ofrecer unha degustación na festa que celebra no mes de marzo, aínda que é posible atopar este típico manxar noutros momentos do ano e en diferentes lugares ao longo do Camiño Inglés. Se algo nos ensina este percorrido é a compartir e desfrutar!

Churrasco

As carnes á brasa teñen a súa propia expresión en Galicia. É posible desfrutar deste popular prato composto xeralmente de costelas das mellores carnes de porcino e vacún, sumándolle chourizos. Preparar esta comida é un arte e o Concello de Narón celebra no mes de agosto unha festa gastronómica do churrasco, pero tamén é posible desfrutalo durante todo o ano ao longo do Camiño.

Callos

Os domingos é moi típico desfrutar dunha boa cazola de callos! Este prato de pota feito a base de garavanzos e carne é unha fonte de enerxía para acompañar cun viño típico da provincia. E non te preocupes polo día que seguro os atopas o resto da semana en restaurantes e bares de cociña tradicional, iso si, recorda mollar a súa salsa co mellor pan.

Mel

O mel é dende hai séculos un ingrediente moi utilizado na cociña e con moitos beneficios para a saúde. Acompañar os mellores produtos do territorio co mellor mel pode ser unha opción suprema. Se de verdade queres que o teu padal goze, leva un bote do mellor mel galego!

Melindres e amendoados

Para referirse ás sobremesas en terras de Pontedeume, os melindres e os amendoados son produtos clave na celebración das festas populares. Sen dúbida, unha tentación para o máis doce dos sentidos ao seu paso polo Camiño Inglés.

Manguito eumés

Trátase dun biscoito no que o ingrediente principal é a améndoa. É moi característico e ten un burato no centro, xa que a améndoa tarda moito en cocerse e así garantízase que esté ao seu punto no interior.

Tarta de Pontedeume

Esta delicia composta por xema de ovo, azucre e améndoa, e co escudo da vila na súa parte superior, xa se atopa referenciada no libro de “La Cocina Práctica”, de Picadillo, no ano 1916.

LEITE E IOGURES

É unha zona onde existen numerosas granxas de leite. Unha das destacadas é a Casa Grande de Xanceda (Mesía), que co leite das súas vacas produce iogures ecolóxicos. Nos anos 60 comezaron un proxecto de agricultura ecolóxica sen produtos químicos no tratado dos lácteos. Co paso do tempo o proxecto foi medrando e a día de hoxe conforma un referente no territorio en canto á transformación e elaboración responsable. Os seus iogures de primeira calidade son o sabor que acompañan a unha experiencia de agroturismo e a outras variedades de produtos lácteos, xa que inclusive fan cervexa con base de leite!

Aínda que estes son os pratos típicos do Camiño Inglés que probarás se decides facer este itinerario, parte da gastronomía deste percorrido tamén a conforman outros produtos. A experiencia gastronómica do Camiño Inglés debe acompañarse dos mellores viños da zona, moi recoñecidos xa que en Galicia existen cinco denominacións de orixe. Recomendamos tamén vivir a curiosa experiencia de tomar o viño en cuncas, uns pequenos recipientes de cerámica típicos das tascas galegas.

Tamén son típicos destas terras os licores. Ademais da famosa queimada, recomendamos probar (con moderación!) o licor de guindas, elaborado a base de augardente, azucre e canela (ou vainilla) e o licor café, que se atopa baixo o amparo da Denominación Xeográfica Augardente de Galicia. Tamén baixo este distintivo está o licor de herbas, outra bebida espirituosa típica da comunidade e que permite saborear a esencia de Galicia.

Continuar a

Eventos e entretemento

ocio camino inglés