A asemblea xeral da Asociación de Concellos do Camiño Inglés reelixiu por unanimidade á actual xunta directiva presidida por Manuel Mirás. Deste xeito, estarán dous anos máis á fronte da entidade. A elección tivo lugar na asemblea xeral extraordinaria celebrada este venres no Pazo de Mariñán, a primeira de xeito presencial desde que se declarou a pandemia da Covid-19.
Mirás Franqueira agradeceu a confianza da asemblea e a colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Así mesmo, puxo en valor o traballo realizado tanto polas persoas que integran a xunta directiva da asociación como polas que traballan nos municipios asociados. “2020 foi un ano atípico para todos. Puxemos en marcha moitos proxectos e moi importantes, pero non puidemos saborealos debido á pandemia”, explicou Mirás Franqueira. O presidente adianta que “hai un traballo feito para cando todo isto pase. Esperemos que no verán teñamos esa inmunidade de rabaño para que poidamos ver os resultados deste traballo”.
Xunta directiva
Deste xeito, a xunta directiva da Asociación de Concellos do Camiño Inglés queda do seguinte xeito:
– Presidente: Manuel Mirás Franqueira, Concello de Oroso.
– Vicepresidenta: Ana María Soneira Liñares, Concello de Ordes.
– Secretario: Pablo Beade Pérez, Concello de Betanzos.
– Tesoureira: Pilar Sánchez Ulloa, Concello de Mesía.
– Vogalías: José Antonio Santiso Miramontes, Concello de Abegondo. Bernardo Fernández Piñeiro, Concello de Pontedeume. Gumersindo Guinarte Cabada, Concello de Santiago.
Asemblea ordinaria
Previamente tivo lugar outra asemblea xeral da Asociación de Concellos do Camiño Inglés na que se aprobaron por unanimidade as contas de 2020 e os orzamentos para 2021, ambos pola mesma cantidade: 164.000 euros. Así mesmo, a xerente da Asociación, Cristina García Souto, puxo en valor as actividades realizadas ao longo de 2020 tales como o estudo das potencialidades do Camiño Inglés realizado pola Universidade da Coruña; a creación dunha rede de establecementos de hostalería e aloxamento que ofrezan un servizo de calidade diferenciada ao peregrino; a celebración de cursos formativos en inglés e nos protocolos fronte á Covid-19; así como actividades de promocións como a Andaina no Camiño ou o vídeo “A chamada do Camiño Inglés”, co triatleta Javier Gómez Noya.
Así mesmo, García Souto adiantou o programa de actividades para 2021, que dependerá da evolución da pandemia. “Seguiremos a traballar na rede dos establecementos hostaleiros e aloxamentos do Camiño, pois queremos que sexa un proxecto tractor para o resto de empresas, e agardamos poder celebrar Primavera no Camiño, en Ferrol”, adianta a xerente da asociación. A maiores, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés ten previsto asistir ás feiras relacionadas co turismo que se convoquen, realizar algunha acción formativa para escolares e continuar contactando con touroperadores de Inglaterra e Irlanda.
Promoción en Inglaterra e Irlanda
Unha cuestión na que afondou Antonio Leira Piñeiro, delegado de Economía da Deputación da Coruña. Leira garantiu o apoio a entidade provincial e felicitou aos membros da Asociación “porque foi un ano moi complexo e creo que a nota é de sobresaínte”. Así mesmo, explicou que “estamos en contacto permanente con Inglaterra, onde xa temos sinalizados tres tramos en coordinación coa Dirección Xeral de Turismo”.
Antonio Leira indicou que “tivemos un primeiro contacto con oficinas de turismo en Londres para tratar de traer á nosa provincia a representantes do mundo xornalístico, asociativo e da política. Pero tamén se nos abriu a posibilidade de incluír Irlanda, e xa mantivemos contactos coa oficina de turismo de Dublin”.
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está constituída por dezaseis concellos polos que transcorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. O Camiño Inglés conta cunha tradición de máis de 800 anos. Actualmente, é unha ruta en auxe que cada vez toman máis peregrinos e que vai aumentando os seus servizos e aloxamentos dedicados ao peregrino.