Doce millas ao sur oeste de Durham, o lugar onde se pode dicir que todo arrincou de maneira oficial, atópase Bishop Auckland, unha pequena cidade comercial e parroquia civil que agocha unha das maiores sorpresas do percorrido británico do camiño: A Spanish Gallery, un museo que recolle obras dalgunhas das figuras máis destacadas do Século de Ouro español (XVI e XVII).
A pesar de que as obras que se poden observar nas súas paredes teñen séculos de idade, a do museo é certamente recente. No ano 2012, a Igrexa de Inglaterra tomou a decisión de vender unha serie de doce cadros de Francisco de Zurbarán que levaban colgados nas paredes do Castelo de Auckland dende hai máis de 250 anos.
Ante esta tesitura, o filántropo e financeiro Jonathan Ruffer comprou tanto os cadros coma o Castelo para evitar que a colección se dispersase. A partir deste momento naceu The Auckland Project, un plan de rexeneración urbana que xira arredor da Spanish Gallery.
No mes de outubro do 2021 a galería abriu as súas portas situándose en dous edificios históricos rehabilitados: un antigo banco (Backhouse Bank) e unha escola vitoriana. En abril do 2022 a Raiña Letizia xunto ao entón Príncipe Carlos inauguraron o que é o primeiro museo dedicado integramente o arte español no Reino Unido.
Con espazos que evocan á sobriedade e o misticismo do arte español, inclúe unha recreación dun patio castelán e teitos que lembran á arquitectura mudéxar. Nel pódense observar 120 pezas, das que destacan algunhas coma Benjamín (Francisco de Zurbarán), San Pedro (El Greco) ou o Retrato de la Madre Jerónima de la Fuente (Diego Velázquez).
Ademais de celebrar o arte español, Bishop Auckland consolidouse coma un punto de partida para os peregrinos modernos, dende que no ano 2023 se inaugurou formalmente a ruta que o conecta co porto de Durham, podendo os peregrinos selar a súa credencial tanto na galería coma no Castelo de Auckland.
Este museo apórtalle ademais unha razón espiritual á ruta do Camiño Inglés. Ao moverse os visitantes polas súas salas cheas de santos e mártires están, dalgunha maneira, en España antes de cruzar o mar.
Para completar a experiencia inaugurouse recentemente xunto á galería o Faith Museum, un centro no que se explora como a fe relixiosa moldeou a historia de Gran Bretaña, creando unha ponte entre a tradición anglicana local e o catolicismo do arte español que se atopa en Bishop Auckland.