Mesía
A súa importancia histórica débese en gran parte ao seu carácter fronteirizo e á súa situación privilexiada.
O Concello de Mesía está situado no centro oeste de Galicia e ao leste da provincia da Coruña. Linda cos concellos de Frades, Boimorto, Curtis, Vilasantar, Oza-Cesuras, Abegondo, Ordes e Carral.
Mesía, pola súa situación territorial, ostentou durante a Idade Media a categoría de enclave estratéxico moi codiciado polos señores feudais laicos e polos eclesiásticos.
A súa importancia histórica débese en gran parte ao seu carácter fronteirizo e á súa situación privilexiada, estando percorrida e segregándoa por importantes vías de comunicación que unían As Mariñas con Santiago de Compostela, e polas que discorría a circulación dos comerciantes europeos que descargaban as súas mercadorías nos portos brigantinos.
Distintos camiños de Mesía foron utilizados nos albores da Idade Media polos viaxeiros que circulaban preferentemente pola vía que sae de Betanzos cara a Santiago atravesando o centro deste termo municipal, no que debemos destacar tamén o paso do Camiño Inglés, ruta que saía da Coruña con dirección a Compostela.
Bruma é un minúsculo territorio afastado da capital do seu municipio, Mesía. De feito pode definirse como unha illa, loxicamente sen máis auga que a que corre polo arroio que cruza ese espazo tan coñecido polos peregrinos desde a Idade Media, debido a que alí alzouse un hospital. As razóns históricas desa illa no medio doutros concellos hai que buscalas no século XIX, cando se debuxa o mapa dos municipios que segue en vigor con mínimas variacións. A tradición apunta nun dobre sentido. Por unha banda, en Ordes non falta quen afirme que rexeitaron que Bruma formase parte do seu concello debido a que era punto de encontro de peregrinos que máis ben eran mendigos. Pero en Mesía dicíase xustamente o contrario: que defenderon que fose seu precisamente por iso: porque había peregrinos, e iso dáballe unha proxección externa a un municipio que controlara a comarca desde o seu castelo, do cal quedan bos restos. Fose dunha maneira ou fose doutra, Bruma forma parte dese reducido catálogo de territorios-illa de España.