Tralo éxito acadado nas anteriores duas edicións, no ano 2023 se vai celebrar o III Concurso de Fotografía Dixital O Camiño Inglés. A través deste concurso preténdese aumentar a visibilidade e a posta en valor de todos os bens (patrimoniais, paisaxísticos, etnográficos, gastronómicos, culturais, etc.) presentes no percorrido do Camiño Inglés dende calquera dos seus dous puntos de inicio en Galicia, A Coruña e Ferrol, ata o seu remate en Santiago de Compostela. Por este motivo, e co ánimo de facilitar o máximo acceso posible a todo tipo de usuarios, as fotografías presentaranse por correo electrónico na dirección info@caminoingles.gal e serán, posteriormente, publicadas nas páxinas de Facebook (https://www.facebook.com/caminoinglesoficial/) e Instagram (https://instagram.com/camino_ingles_oficial/) da Asociación de Concellos do Camiño Inglés.
Dita publicación por parte dos administradores da páxina conlevará a súa inclusión no concurso e a aceptación por parte das dúas partes das bases reguladoras do III Concurso de Fotografía Dixital O Camiño Inglés. Este concurso está promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Tamén se publicarán na páxina web www.caminoingles.gal.
Co ánimo de fomentar a participación do maior número de persoas, seleccionaranse para participar na fase final ás catro (4) imaxes que máis reaccións positivas xeren (contabilizando conxuntamente os “me gusta” tanto en Facebook como en Instagram), que pasarán a una segunda fase xunto coas outras doce (12) fotografías elixidas mediante un xurado avaliador, ata un total de dezaseis (16). O xurado, composto por un membro da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e dous profesionais da imaxe, elixirán as tres mellores fotos baseándose en criterios de puntuación relacionados coa calidade artística da imaxe, a creatividade, o seu significado, etc.
Os resultados serán publicados nas páxinas de Facebook das asociacións organizadoras, en Instagram e, a ser posible, en medios de comunicación. A fotografía gañadora do concurso será utilizada como fotografía de portada da páxina de Facebook da organización do certame durante un período non inferior a un mes, pudendo calquera das fotografías participantes ser empregada sen ánimo de lucro en ditas páxinas ou calquera outro dos soportes da asociación promotora.
As fotografías seleccionadas para a final serán expostas ao público co seu título, autor e localización en soporte físico nos distintos concellos do Camiño Inglés que o soliciten. Todas as fotografías participantes poderán ser utilizadas pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés para fins divulgativos.
A única restrición para presentar fotografías será que nelas quede identificado claramente o Camiño Inglés, valorándose así mesmo a calidade artística e que se recoñezan os lugares nos foi tomada, xa que o obxectivo principal do concurso é o de profundar no coñecemento do Camiño Inglés por parte do público en xeral.
BASES
1. Poderán concorrer a este concurso todas as persoas que o desexen, sexan profesionais ou afeccionados, sempre que os traballos se axusten ás bases do certame.
2. As fotografías deberán ser presentadas en formato dixital mediante o seu envío á dirección de correo info@caminoingles.gal. Deberán ser necesariamente orixinais e inéditas, podendo ser realizadas en calquera momento do ano, na actualidade ou con anterioridade á data presente. Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías. O contido das mesmas estará relacionado co Camiño Inglés, debendo indicar o lugar no que foron tomadas. As fotografías deberán ser propiedade da persoa (autor/a) que as presente ao certame.
3. O prazo de presentación de fotografías será ata o 21 de maio de 2023 ás 23.59h.
4. Para que unha fotografía sexa aceptada no concurso, deberá ser publicada na páxina de Facebook. Así mesmo, respostarase a través de correo electrónico que dita imaxe foi aceptada. Unha vez aceptada, a organización do concurso pode utilizar as fotografías con fins divulgativos e expositivos, mais nunca con fins lucrativos.
5. As fotografías deberán incluír un título e localización da obra (lugar e concello no que foi tomada), nome e apelidos do autor/a, DNI do/a participante, domicilio e teléfono de contacto, correo electrónico e perfil de redes sociais para poder ser etiquetados/as una vez se publiquen nos perfís da organización.
6. A participación no concurso implica a aceptación das bases, e o autor/a das fotografías autoriza a súa publicación, exposición e edicións que teñan lugar por parte do promotor do concurso, utilizadas sempre con fins non lucrativos.
7. O xurado seleccionará dezaseis (16) fotografías que serán expostas ao público en soporte físico nos distintos concellos do Camiño Inglés que o soliciten.
8. Os premios serán informados aos participantes por correo electrónico e mediante chamada telefónica. Os premios consistirán en bonos a canxear en diferentes establecementos de aloxamento e restauración do Camiño Inglés, nomeadamente os que están incluídos na Rede Stelar, a rede de excelencia e atención ao peregrino no Camiño Inglés promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, valorados en:
– 1º premio: bono por valor de 150€
– 2º premio: bono por valor de 100 €
– 3º premio: bono por valor de 50€
(*) Os premios deberán ser desfrutados con data límite antes do 31 de decembro de 2023.
9. O xurado será designado polas Asociación organizadora do concurso e estará composto por un membro da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e dous profesionais da imaxe, que elixirán, unha vez rematado o prazo de presentación de imaxes (21 de maio) as tres mellores fotos baseadas nuns criterios de puntuación relacionados coa calidade artística da imaxe, a creatividade, o seu significado, etc. O fallo do xurado farase público o 2 de xuño de 2023, e comunicarán o seu veredicto aos gañadores/as mediante chamada telefónica e correo electrónico.
10. A Asociación de Concellos do Camiño Inglés entregará os premios durante a feira “Primavera no Camiño” que previsiblemente se vai celebrar o vindeiro sábado 10 de xuño en Beche, Abegondo. Os/as premiados/as comprométense a recoller os premios no acto de entrega de premios. En casos excepcionais, cuxos premiados sexan doutros puntos fóra de Galicia, nacionais ou internacionais, e/ou por motivos xustificados non poidan asistir ao acto, entregaráselles o premio igualmente, sendo obriga cambiar bono no territorio e na rede de establecementos de aloxamento e hostalería “Rede Stelar” do Camiño Inglés, sempre antes do 31 de decembro de 2023.
Escribe un comentario