Dúas novas mouteiras consolidan o Camiño Inglés

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés deu esta semana un paso decisivo na consolidación internacional da ruta coa inauguración de dúas novas mouteiras nas cidades británicas de Reading e Winchester, integradas no tramo sur histórico do itinerario xacobeo que conectaba Inglaterra con Santiago de Compostela. As inauguracións estiveron encabezadas polos deputados provinciais Bernardo Fernández, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, e Antonio Leira, acompañados polo presidente de honra da entidade, Manuel Mirás, e polo director xerente do Xacobeo, Ildefonso de la Campa. A Confraternity of St. James, entidade de referencia no ámbito xacobeo no Reino Unido, colaborou na xestión dos permisos e na organización dos actos oficiais.

Dúas cidades clave na recuperación do tramo sur do Camiño Inglés

A primeira das cerimonias tivo lugar en Reading, unha cidade cun importante vínculo histórico coa peregrinación medieval, onde se instalou unha mouteira que sinaliza a continuidade da ruta cara a Santiago. A segunda inauguración realizouse 24 horas despois en Winchester, antiga capital histórica inglesa e punto destacado do itinerario xacobeo medieval. A nova mouteira foi descuberta nos xardíns da igrexa de St. Bartholomew, situada a exactamente 100 quilómetros da Praza do Obradoiro. Durante o acto, a comitiva galega foi recibida oficialmente polo alcalde Sudhakar Achwal, quen se dirixiu aos representantes galegos en español, e posteriormente tivo lugar a bendición do fito por parte do enviado do bispo de Winchester, David Hames.

Unha acción estratéxica de recuperación histórica

Durante a visita, o presidente da Asociación, Bernardo Fernández, destacou que estas instalacións representan “un paso fundamental na recuperación histórica e na proxección exterior dunha ruta que permaneceu esquecida durante medio milenio”. Pola súa parte, o deputado Antonio Leira puxo en valor o traballo continuado que sustenta este proxecto: “Levámos anos recuperando a memoria do Camiño Inglés e fortalecendo as súas conexións históricas. Cada mouteira que colocamos no Reino Unido é un símbolo da ligazón entre territorios, da cooperación institucional e do patrimonio común que estamos a reconstruír paso a paso”. O presidente de honra da Asociación, Manuel Mirás, destacou así mesmo o valor simbólico da ruta e o compromiso das institucións locais e provinciais para consolidar o Camiño Inglés como unha das grandes vías de peregrinación a Compostela.

Reforzando unha ruta viva, histórica e internacional

Desde que a Deputación da Coruña puxo en marcha en 2016 unha estratexia integral para recuperar o Camiño Inglés desde as súas orixes históricas no leste británico, o número de peregrinos procedentes do Reino Unido non deixou de medrar, rexistrando un incremento porcentual superior ao doutros mercados internacionais. Este crecemento sostido confirma o dinamismo dunha ruta que combina historia, identidade atlántica e un forte potencial turístico e cultural.

Coa instalación das mouteiras de Reading e Winchester, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Deputación da Coruña e o Xacobeo fortalecen a cooperación institucional e a proxección exterior dun itinerario que está a recuperar o lugar que lle corresponde dentro das grandes rutas xacobeas europeas. A acción inscríbese nun plan a longo prazo que busca consolidar o Camiño Inglés como unha ruta histórica, viva, sustentable e en constante crecemento, conectando Galicia co patrimonio medieval británico e promovendo unha experiencia xacobea coherente co seu valor cultural.

Escribe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *