Press release

A Rede Stelar do Camiño Inglés bota a andar con 30 establecementos turísticos que apostan pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino

Rede Stelar

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña, promove a creación da Stelar Network: unha rede de establecementos turísticos que apostan pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino. Unha rede que hoxe bota a andar oficialmente despois da entrega das placas identificativas aos 30 primeiros locais, inicialmente restauración e aloxamentos, por parte do presidente da Asociación, Manuel Mirás, e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, nun acto que tivo lugar no Pazo de Mariñán.

Manuel Mirás destacou que “hoxe é un día importante para o Camiño Inglés porque a imaxe que levará o turista ou o peregrino do noso Camiño é aquela que vós lle deades”. O presidente da Asociación  asegurou ao empresariado presente que “o crecemento do Camiño Inglés é imparable. E co apoio da Deputación da Coruña vai ser un negocio seguro. Como adoito dicir, é un diamante en bruto que temos que explotar dando o mellor servizo posible a quen nos visita”. Neste sentido, valorou que a Rede Stelar permitira “apostar pola iniciativa privada. É o mellor que nos podía pasar pois estamos reforzando aqueles negocios que mellor funcionan e mellor traballan”.

Calidade e competitividade

Na mesma liña, Xosé Regueira amosou a súa satisfacción por que “unha liña de subvención da Deputación para mellorar a calidade e a competitividade do sector turístico vaia a un proxecto coma este porque, ás veces nos centramos so na parte romántica do turismo, cando detrás de todo iso hai xente que quere gañar diñeiro e que xera emprego”.

O vicepresidente da Deputación salientou que “temos un destino atractivo como é o Camiño Inglés, agora temos unha marca de calidade como a Rede Stelar e podemos conseguir un produto competitivo que xere riqueza e emprego. Unha rede singular na oferta turística da provincia da Coruña”. Finalmente, Regueira desexoulles aos empresarios e empresarias presentes “moita sorte, moitos clientes, moitos ingresos e que recuperemos a todas as persoas que están ou estiveron en ERTE, que será a mellor noticia”.

Unha rede singular

A Rede Estelar é un proxecto promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña, para conformar unha rede de establecementos turísticos en cada un dos 18 municipios polos que pasa esta ruta Xacobea. Uns establecementos que deben apostar pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino, para o que deben cumprir unha serie de requisitos relacionados coa sustentabilidade, o emprego de produtos agroalimentarios e pesqueiros quilómetro cero, a prevención da Covid-19, a calidade no servizo…

Nesta primeira fase, iniciada en novembro de 2020, sumáronse un total de 30 establecementos de restauración e aloxamentos, que deberán ofertar un “Menú Stelar” ao visitante, ben de almorzo, xantar ou cea. Un menú que non supón un prezo baixo, “trátase de ofrecer o mellor a un prezo de mercado”, puntualizou a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, quen tamén indicou que “en próximas quendas abriremos a Rede Stelar a outro tipo de empresas: de ocio e tempo libre, de turismo náutico, artesanía, produtores locais…”.

Plans de mellora

Tras a adhesión dos 30 establecementos iniciais, cada un deles recibiu formación en inglés e foi visitado por técnicos especializados en turismo, que valoraron a atención e a calidade do servizo de cada local. “De aí saíron os Plans de Mellora que se entregarán nos próximos días e que cada establecemento terá un prazo para implementar”, explica Cristina García, quen adiantou que “en setembro contaremos coa visita de touroperadores de Inglaterra e Irlanda, que se aloxarán e comerán nos establecementos da Red Stelar”.

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está constituída por dezaseis concellos polos que transcorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. O Camiño Inglés conta cunha tradición de máis de oitocentos anos, xa que era a ruta utilizada polos peregrinos do norte e oeste de Europa, que preferían arriscarse a unha travesía de 3 ou 4 semanas en barco a un traxecto de 1 ou 2 anos a pe ata os portos de A Coruña ou Ferrol, dende onde camiñaban ata Santiago de Compostela. Actualmente, o Camiño Inglés é unha ruta en auxe que cada vez toman máis peregrinos e que vai aumentando os seus servizos e aloxamentos dedicados ao peregrino.a