Press release

Os produtos do Camiño Inglés chegarán a calquera punto de España con Correos Market

Correos asinou hoxe en Madrid un acordo coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés para promover e distribuir os produtos locais da ruta a través de www.correosmarket.es

Correos asinou hoxe un acordo de colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés para promover a venda de produtos elaborados por emprendedores presentes nesta Ruta Xacobea a través de Correos Market. Ao acto asistiron o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, o director xerente de Correos Market, Iván Maroto López e a directora de Relacións Institucionais, Filatelia, Estudos e Futuro de Correos, Leire Díez Castro.

Mediante este acordo preténdese dar visibilidade aos produtores e pequenos comercios presentes nos 16 municipios polos que pasa esta ruta xacobea que parte desde Ferrol e desde A Coruña ata Santiago. Os produtores e comercios dos 16 concellos que forman parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés poderán promover e difundir os seus produtos, ademais de vender online e distribuír con Correos a calquera punto do territorio nacional dun xeito sinxelo e seguro.

Correos Market incluirá un apartado específico para promover a todos os produtores e negocios adheridos ao acordo ofrecéndolles un lugar onde vender online a todas aquelas persoas de España e Portugal que teñan interese por estes produtos e negocios, en especial,  a aqueles peregrinos que os coñeceron e desfrutaron ao seu paso polas diferentes localidades. A plataforma de Correos convértese, así, nun marketplace onde calquera persoa pode atopar e comprar os produtos das diferentes localidades do Camiño Inglés.

Difusión e servizos no Camiño Inglés


Este acordo súmase a outras iniciativas levadas a cabo por Correos para promover o Camiño Inglés como a difusión gratuíta dun plano da Ruta, vídeos con consellos dos carteiros de que ver nas diferentes localidades ou información completa do Camiño a través da páxina web www.elcaminoconcorreos.com. Correos tamén está presente na Ruta con servizos específicos para o peregrino como o transporte de mochilas, o envío de bicicletas ou maletas ou a promoción dos aloxamentos presentes no Camiño.

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés súmase a Correos Market, un proxecto que nace do compromiso de Correos por xerar novas oportunidades de negocio no mundo rural e afrontar o reto da despoboación a través da páxina web https://www.market.correos.es/.  A través desta iniciativa, Correos ofrece a súa infraestrutura aos pequenos produtores locais, poñendo á súa disposición a rede loxística e as 2.370 oficinas da compañía distribuídas por todo o país.

Na actualidade, Correos Market conta xa con máis de 1.200  vendedores de toda España que ofrecen, a través de sete categorías (alimentación, bebidas, artesanía, moda, saúde e beleza, fogar e tecnoloxía), máis de 15.000 referencias de produtos de calidade de empresas españolas, que calquera persoa pode adquirir e recibir na súa casa a través de Correos.