Press release

Primavera no Camiño Inglés, un exemplo de que xuntos se fan mellor as cousas

Case unha semana despois do evento e coa sensación do deber cumprido, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, fai balance da quinta edición da Primavera no Camiño Inglés. “Dixemos que participaron máis de 3.000 persoas e o certo é que penso que ata nos quedamos bastante curtos, pois a afluencia de xente foi continua durante toda a xornada: peregrinos, veciños e veciñas de Oroso pero tamén de Santiago, da comarca de Ordes e case me atrevo que a dicir que de cada un dos 18 concellos polos que pasa o Camiño Inglés”, apunta Mirás Franqueira.

Un éxito que demostra “que xuntos se fan mellor as cousas, por iso estou moi agradecido polo traballo e a colaboración de todos e cada un dos 18 concellos, ao igual que da axuda e disposición da Deputación da Coruña, tanto na persoa do seu presidente, Valentín González Formoso, como do vicepresidente, Xosé Regueira Varela. E, por suposto, sen esquecer o papel fundamental da Xunta de Galicia, representada nesta ocasión pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pero onde nos consta que contamos co apoio e respaldo do presidente, Alfonso Rueda Valenzuela, que estivo ao noso carón dende que demos o primeiro paso como asociación”.

Neste sentido, Mirás Franqueira agradece que “o Camiño estea por riba de rivalidades e loitas políticas, porque só traballando xuntos conseguiremos poñer en valor este tesouro que pasa por diante das nosas casas”. Un agradecemento que fai extensivo tanto aos representantes políticos como aos técnicos municipais dos 18 concellos, así como a todos os artesáns, empresas e entidades que fixeron posible a celebración da V Primavera no Camiño.

“Longa vida ao Camiño Inglés e vémonos todos na próxima edición”, conclúe o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés.