Enrique VIII de Inglaterra e o camiño prohibido

O Camiño Inglés goza hoxe en día dunha gran saúde en canto ao número peregrinos se refire, pero dende os seus comezos tivo momentos que non foron tan sinxelos para aqueles que querían chegar ao Apóstolo dende o Reino Unido.

Houbo un tempo no que as tensións políticas da época, o amor e a relixión entrelazáronse para pechar as portas de Santiago aos devotos británicos. O gran responsable deste suceso ten nome e apelidos: o rei Enrique VIII de Inglaterra.

Durante a Idade Media as Illas Británicas foron un dos principais focos de emisión de peregrinos cara a Santiago de Compostela. Aínda que as viaxes polo mar estaban cheas de perigos, a súa rapidez facíaas moito máis directas que cruzar todo Europa a pé. Portos coma Southampton ou Plymouth vían ao longo dos meses os barcos partir cara Galicia repletos de peregrinos que acababan enchendo as vilas galegas, na que se podería recoñecer como época de ouro do Camiño Inglés.

Pero esta situación rápido mudou de bando cara a comezos do século XVI. Enrique VIII de Inglaterra, un rei obsesionado con asegurar un herdeiro varón para a coroa, e namorado de Ana Bolena, solicitou a anulación do seu primeiro matrimonio, con Catalina de Aragón, ao Papa Clemente VII, respondendo este de forma negativa ante a súa petición. O monarca inglés non viu con bos ollos o sucedido, e tomou a drástica decisión de promulgar no ano 1534 a coñecida como Acta da Supremacía, que rompía as relacións coa Igrexa Católica.

Esta situación relixiosa provocou consecuencias devastadoras para o Camiño Inglés. O nacente anglicanismo, seguido máis tarde polo puritanismo protestante, rexeitaba calquera culto a santos ou veneración ás reliquias e, por suposto, as peregrinacións. No ano 1538 o golpe foi definitivo e Enrique VIII rematou por prohibir expresamente calquera peregrinación. Estas viaxes estaban penadas coa cárcere ou incluso a morte, polo que as poboacións galegas baleiráronse de ingleses, tendo consecuencias inmediatas como a disolución de hospedarías e mosteiros xunto coa clausura de confrarías inglesas que axudaban a financiar aos peregrinos.

Tiveron que pasar máis de catrocentos anos para que o Camiño Inglés recuperase finalmente a súa vitalidade. A ruta rexurdiu con forza, atraendo a persoas de todo o mundo, incluíndo de novo a milleiros de británicos e irlandeses, que buscan vivir cos seus propios corpos a beleza paisaxística, o patrimonio histórico e a fonda experiencia persoal que ofrece este trazado.