Nota de prensa

O 53% das persoas que fan o Camiño Inglés son mulleres e o 15% dos peregrinos estranxeiros xa son de Reino Unido, orixe da ruta

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Universidade da Coruña (UDC) presentaron este venres, día 24 de marzo, o ‘Estudo Demoscópico sobre a demanda turística no Camiño Inglés’ do ano 2022.

 

No Camiño Inglés hai unha maior presenza de mulleres (52,93%) que de homes, e un 11% das mulleres que percorren a ruta viaxan soas. A metade dos peregrinos/as teñen entre 45 e 64 anos, aínda que as persoas maiores de 65 anos xa supoñen máis dun 10% del total.

 

O estudo foi presentado en rolda de prensa no Reitorado da UDC por Manuel Mirás Franqueira, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés; Julio Abalde, reitor da UDC, e Antonio Leira, deputado provincial.

 

Os resultados obtidos deste estudo foron presentados por Antonia Pérez-García e María Elvira Lezcano González, parte do equipo investigador encargado do informe, xunto a Iria Caamaño Franco e Carlos Rodríguez Carro, ademais dos seus colaboradores.

 

Esta segunda edición do estudo ofrece unha visión máis amplia que a primeira, xa que as 699 enquisas se realizaron en catro localizacións diferentes (Sigüeiro, Pontedeume, Betanzos e Sergude) e en tres etapas ao longo do ano 2022 (Semana Santa, xullo e setembro).

 

En Semana Santa e setembro, máis do 37% das persoas proceden do estranxeiro, porcentaxe que en xullo baixa ao 22%. A maior parte proceden de Reino Unido (15,49%), orixe do Camiño Inglés, Alemania (15,49%), Italia (14,55%) e Portugal (11,74%), aínda que tamén destaca México, Estados Unidos, Arxentina e Canadá.

 

Pola súa banda, a maioría dos peregrinos/as nacionais proceden de Madrid (25%), Andalucía (18%), Cataluña (10,5%), Valencia (10,3%) e Canarias (6,57%). Das motivacións que levan a facer o Camiño Inglés, aumentou con respecto a 2021 a necesidade de descanso e relaxación, e o tempo medio para realizar a ruta oscila entre os 5/6 días.

 

“Unhas 25.000 persoas remataron o Camiño Inglés no 2022 e recolleron a Compostela, pero estimamos que un 30% do total de peregrinos que fan a ruta non recollen a Compostela”, explicou Manuel Mirás.

 

“O crecemento é enorme, pero desde a asociación o que procuramos é aportar calidade á experiencia, con iniciativas como a Red Stelar”, engadiu o presidente da asociación, que apuntou que “neste ano 2023, o Camiño Inglés seguirá mellorando, co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, e institucións como a Universidade da Coruña”.

 

Pola súa parte, Antonio Leira lembrou que “en moitos dos concellos polos que pasa, como acontece no Concello de Oroso, o Camiño Inglés xa supón o 12% do PIB, o que reflicte o seu impacto na actividade económica local”.

 

O reitor da UDC, Julio Abalde, falou pola súa parte “da importancia de que unha universidade pública como a nosa aporte coñecemento á nosa área de influencia, xerando riqueza á sociedade”.