Nota de prensa

Ferrol acollerá a cuarta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa de promoción da gastronomía e a cultura dos municipios polos que pasa esta ruta xacobea

Primavera no Camiño Inglés

A praza de Armas de Ferrol acollerá a cuarta edición de Primavera no Camiño Inglés este sábado 19 de xuño. Trátase dunha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña. O seu obxectivo é poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos dos municipios polos que pasa desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela. Todas as actividades son de participación gratuíta, se ben o número de prazas é limitado. Por iso, as inscricións poden facerse en info@caminoingles.gal ou o propio sábado.

Entre as 11:00 e as 20:00 horas, a praza de Armas acollerá os postos dos dezaseis municipios adheridos á asociación: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. Neses stands darán a coñecer a súa variada oferta turística. Para iso organizarán diferentes actividades: showcookings, actuacións de música tradicional, espectáculos de maxia, presentacións de proxectos turísticos, elaboración dun graffiti…

A gran novidade deste ano é a participación, por primeira vez, de tres convidados de fora de Galicia: Visit Durham, Turismo de Irlanda e a Camino Society of Ireland. A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña traballan con estas tres entidades na promoción do Camiño Inglés e na recuperación do Camiño en Irlanda e Inglaterra. Uns sendeiros polos que transitaban os peregrinos do Norte de Europa antes de embarcar rumbo á catedral de Santiago e que deron orixe a esta ruta xacobea. Deste xeito, as persoas que visiten Primavera no Camiño poderán coñecer os atractivos do Condado de Durham, no Norte de Inglaterra e onde ten a súa orixe o Camiño Inglés. Unha oferta baseada na conexión co Camiño Inglés e coas distintas rutas do Celtic Camino en Irlanda.

Programación variada

Entre outros eventos, están programados catro showcookings. Por exemplo, haberá dúas maridaxes: troitas de Oroso con pan de Carral e queixo e requeixo de Campo Capela (Pontedeume) con pan de Neda. Así mesmo, o Concello de Ferrol programou un showcooking co chef Dani López (do Restaurante O Camiño do Inglés). Pola súa banda, o Concello de Cabanas presentará a miniburguer Peregrina do Eume, de Antonio Díaz (Foodtruck Autga).

Mentres tanto, na programación infantil inclúense dous obradoiros de barro (dos concellos de Mesía e Fene, este último coa ceramista Carme Romero), así como un terceiro taller de pan de Neda. Tamén está prevista unha demostración do Can Peregrino, da man do Club Can de Palleiro. A maiores haberá obradoiros para adultos, o primeiro de instrumentos tradicionais do Concello de Narón e o segundo de fiandeiras do Concello de Cabanas.

Actividades especiais e presentacións

Ás 16:30 horas, do Porto de Ferrol sairá un barco para dar un paseo dunha hora pola ría. Unha iniciativa totalmente de balde e aberta á participación de 120 persoas. As persoas que desexen participar poden reservar praza o sábado 19 de xuño na Oficina de Turismo de Ferrol (Curuxeiras). A reserva pode facerse de xeito presencial ou chamando ao teléfono 981 944 252.

Por outro lado, tamén está prevista a inauguración da exposición cos traballos presentados ao primeiro Concurso de Fotografía dixital do Camiño Inglés. Durante todo o día, a ilustradora de murais Nana, do Concello de Ordes, elaborará un graffiti. Pola súa banda, a asociación Aspaneps exporá un Cubo de Viñetas do Camiño, organizado polo Concello de Fene.

En canto ás presentacións, primeiro o Concello de Abegondo presentará o proxecto “Life Water Way”, para dotar de auga potable a esta ruta xacobea. En segundo lugar, o Concello de Carral presentará os segredos da elaboración do pan de Carral. E, en terceiro lugar, Miño promoverá o turismo náutico con: “A dúas velas: experiencias náuticas accesibles”. Finalmente, a música correrá a cargo do grupo de gaitas e baile do Concello de Abegondo e das cantareiras de Lembranzas do Tambre, de Oroso.

Ferrol acollerá a cuarta edición de Primavera no Camiño Inglés, inicialmente programada para o ano 2020 pero que tivo que ser adiada debido á pandemia sanitaria. As súas tres edicións anteriores, celebradas en Pontedeume e Betanzos, consolidárona como unha cita anual de promoción do Camiño Inglés.

Primavera no Camiño Inglés
Primavera no Camiño