Finchale Camino Inglés

County Durham – 33.5 millas / 53 km dende Finchale Priory a Gainford e en expansión cara ao sur do país.

San Godric, mariñeiro e despois ermitán do século XII, foi un dos primeiros e máis interesantes peregrinos ingleses a Santiago. Ao seu regreso de Compostela, viviu unha vida austera en Finchale e foi venerado por todos. Os restos da ermida de Godric neste fermoso lugar xunto ao río Wear – a capela mais a tumba do santo –aínda se poden ver entre as ruínas da Abadía de Finchale. A ruta diríxese dende alí á Catedral de Durham, Patrimonio da Humanidade e lugar de repouso de San Cuthbert, e logo continúa cara ao sur a través de Bishop Auckland. O castelo de Auckland foi durante séculos o fogar dos poderosos bispos de Durham. Entre os tesouros do castelo atópanse a fermosa capela e un conxunto de pinturas do artista español do Século de Ouro, Francisco de Zurbarán: Jacob e os seus 12 fillos. Preto do castelo encóntrase a Spanish Gallery, que acolle a maior colección de obras de arte españolas dos séculos XVI e XVII fora de Londres. Fronte á Spanish Gallery, os peregrinos poden reencher as súas botellas de auga na fonte do Finchale Camiño Inglés.

Foto: Visit Durham_Durham City Cathedral

Continuando o itinerario atopamos a Igrexa saxoa de Escomb dende onde o camiño, completamente sinalizado como Camiño Inglés a Santiago, continua ata Gainford e expandirase ata o sur nos próximos anos grazas á asociación “Friends of Finchale Camino”, chegando a Reading e, finalmente, ao porto de Southampton na costa sur do país. As rutas Nothern Saints Trails, baseadas nas antigas peregrinacións do nordeste inglés, comparten tramos co Finchale Camino Inglés.