Historia do Camiño Inglés
Historia e información do Camiño Inglés. As relacións entre Gran Bretaña e Irlanda, por unha banda, e o norte de España, por outra, son máis que milenarias. E non falta quen as remita á prehistoria. Hai un documento do século X asinado por un bispo de Bristol (Inglaterra) que condena o tráfico de escravos entre o norte da Península e as devanditas illas.
O que si é certo é que chegan peregrinos dende o norte de Europa ata a tumba do Apóstolo Santiago, polo menos, dende hai máis de oitocentos anos. A maior parte procedía de Gran Bretaña e Irlanda, pero tamén había moitos dos que hoxe son os países nórdicos, os bálticos, Finlandia, Islandia, parte de Alemaña e os Países Baixos.
Os peregrinos de todos eses territorios preferían arriscarse a unha viaxe por mar de entre dúas e catro semanas como mínimo a vir por terra e investir un ano ou dous. Ese percorrido pasou á historia co nome do Camiño Inglés e o seu comezo oficial é a abadía de Finchale (condado de Durham, preto de Escocia), punto de encontro dos peregrinos que cruzaban o Mar do Norte, mentres outros preferían ir costeando.
O porto de desembarco tradicional era A Coruña, se ben os barcos dependían do vento e as correntes. Hoxe en día o trazado oficial arranca tamén da cidade de Ferrol. Unha e outra variante xúntanse na aldea das Travesas (Carral), xusto antes do albergue público de Bruma (Mesía). A partir de aí, hoxe como onte, os peregrinos buscan a ponte que lles permite salvar o río Tambre e que na actualidade ten un extremo no concello de Oroso e o outro no de Santiago, do que dista 16 km.
Entre os personaxes distinguidos que, por unha razón ou outra, pasaron polo Camiño Inglés, figuran: a mística Margery Kempe, o relixioso húngaro (hoxe sería eslovaco) Janos Zádori, o emperador Carlos I de España e V de Alemaña, o duque de Lancaster ou tamén Cosimo de Medici.
Hai máis de oitocentos anos que chegan peregrinos dende o norte de Europa ata a tumba do apóstolo Santiago.
Orixe do Camiño
As fontes sobre o destino portuario das peregrinacións que elixían a vía marítima do Camiño para chegar á súa meta, a cidade galega de Santiago de Compostela, mencionan con poucas excepcións A Coruña. A peregrinación xacobea —do latín ‘Iacobus’, que significa Santiago— xorde cara ao remate do século IX. A súa orixe está no descubrimento, no que eran un bosque e un cemiterio abandonados, e hoxe é a cidade galega de Santiago de Compostela, dun sepulcro que se atribuíu a Santiago o Maior.
Este apóstolo, un dos discípulos preferidos de Xesús, predicaría en Hispania, chegando ao extremo occidental de Galicia. Ao regresar á cidade de Xerusalén e morrer decapitado nela cara aos anos 42-44, o seu corpo foi traído por mar a terras galegas para recibir sepultura, segundo certas tradicións. Semella que a memoria do enterramento quedou no esquecemento ata o seu achado nos anos vinte do século IX.
Nun fenómeno sorprendente, décadas despois do descubrimento do sepulcro chegan a el os primeiros peregrinos afastados. A partires dos séculos X e XI xa chegan de toda a cristiandade; é dicir, de toda Europa. A maioría conflúe en Santiago por terra, cruzando o continente dende lugares tan distantes como Polonia e Armenia.
Con todo, dende o século XI hai referencias de peregrinos europeos que viaxan por mar saíndo dos países costeiros atlánticos e nórdicos. A súa chegada é irregular e o seu destino, neste tempo, calquera imprevisible punto da costa galega. Continuamos con mais historia e información do Camiño Inglés
O Camiño Inglés na Idade Media
No século XII consolídase o porto do Burgo, na mesma ría que a futura urbe coruñesa, como principal destino dos peregrinos marítimos. Finalmente, no XIII o porto da Coruña, fundado como a cidade en 1208, convértese no destino da case totalidade destes peregrinos que, ademais, comezan a chegar con regularidade e en gran número.
Existe documentación histórica abundante sobre peregrinacións marítimas durante o século XII e seguintes dende Escandinavia e as illas británicas, que arribaban na costa galega para continuar viaxe por terra ata a tumba do Apóstolo Santiago.
Non só os peregrinos ingleses optaban por iniciar as rutas desde as costas coruñesas cara a Santiago de Compostela. En realidade, o Camiño Inglés era percorrido na Alta e Baixa Idade Media por devotos ingleses, pero tamén por escoceses, irlandeses, escandinavos ou flamencos; isto é, do norte e oeste de Europa.
A Coruña era, como se dixo, o porto principal de chegada. Ratifícano os investigadores británicos Robert B. Tate e Thorlac Turville-Petre: “A Coruña —escriben— era o gran punto de encontro para os peregrinos do norte de Europa que viñan por mar”. Por suposto, a maioría dos peregrinos a Santiago, tanto no pasado como no presente, seguen vías terrestres. Pero a peregrinación marítima foi moi popular, sobre todo dos séculos XIII ao XVI.
Visitar a tumba de Santiago centraba e centra o motivo da peregrinación, que tras caer no esquecemento no século XVIII, rexurdiu con gran vitalidade nos pasados anos noventa. Quen parte da Coruña pode obter, en determinadas condicións, a Compostela, o certificado que concede a basílica santiaguesa a quen fai o Camiño. Os peregrinos que parten dende Ferrol, ao superar os 100 km, poden obtela presentando a súa credencial de peregrino rigorosamente selada.
Santiago e o mar
O mar forma parte da orixe da peregrinación xacobea. Unha tradición afirma que o Apóstolo Santiago chegou en barco á Península Ibérica para predicar a palabra de Xesús Cristo. Continuou por terra ata a costa occidental galega, considerada polos romanos o ‘finis terrae’, a fin do mundo coñecido.
É unha segunda tradición a que sinala que tras a súa morte en Xerusalén, os seus discípulos trouxérono nunha nave para enterrar a Galicia. Tiñan un motivo. Pola súa consideración de terra final, o poñente galego entendíase como o lugar máis distante que podía alcanzar a evanxelización. Neste sentido, a sepultura de Santiago en tan remota terra sería o símbolo das raíces e da extensión do cristianismo.
Santiago cítase como protector dos peregrinos por mar no Códice Calixtino, texto do século XII imprescindible para entender a cultura medieval da peregrinación, como protector dos peregrinos por mar. Foi por iso o patrón de portos europeos e deuse o seu nome a moitos barcos, entre eles varios dedicados ao transporte de peregrinos. Na relación de naves dedicadas a Santiago sobresaíu o porto inglés de Dartmouth.
O emblema distintivo dos peregrinos xacobeos é tamén marítimo: a cuncha de vieira, que é metáfora, entroutras virtudes, do renacer e as boas obras.
Estímase que os portos ingleses con máis tráfico de peregrinos cara á Coruña foron Bristol e Plymouth, no oeste e sur do país, respectivamente. Seguíronlles, entroutros, Dartmouth, Fowey e Falmouth, e en menor medida, Southampton, Poole, Londres, Winchelsea, etc. Segundo a documentación conservada, partiron barcos con peregrinos xacobeos desde, polo menos, trinta portos do do actual Reino Unido.
O Camiño na actualidade
Tanto a variante desde A Coruña, tamén coñecida por Camiño do Faro, como a iniciada no porto de Ferrol agochan unha gran importancia histórica que favoreceu a instauración de mosteiros, hospitais e as ordes relixiosas que se encargaban da súa atención. En definitiva, os valedores do peregrino.
Lonxe da masificación doutros camiños, o Inglés é un trazado que actualmente discorre polas localidades recuperadas en virtude de documentos, escrituras e rexistros que facían referencia ás súas demarcacións ou ao paso e estancia de viaxeiros. Trátase, ademais, dun itinerario ben sinalizado nos 18 municipios que atravesa. Unha ruta xacobea impulsada por diferentes administracións e entidades como son a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.
Da Coruña sae a variante máis curta, con pouco máis de 70 quilómetros. Saíndo de Ferrol, a distancia é de 113 quilómetros. Dividido en varias etapas -tres ou catro xornadas desde A Coruña e seis desde Ferrol- os camiños conflúen nas Travesas, en Carral. O peregrino ten a opción de facer o traxecto dun xeito máis tranquilo en máis etapas, xa que a ruta conta con albergues e aloxamentos dispoñibles.
Ferrol, Pontedeume, Betanzos, A Coruña… vilas con pouso e historia, algunhas de orixe medieval, e outras foron poboacións nobres e burguesas, conectadas outrora por solitarias veredas e frondosos bosques dos que se garda unha mostra para o peregrino de hoxe; camiños que a espiritualidade levou a transitar a relixiosos, cabaleiros, militares, devotos, penitentes e condenados.
Autoestrada cultural e de intercambio, o Camiño Inglés, pese ao seu menor impacto, abriu nove séculos atrás unha porta recuperada hai pouco máis de dúas décadas e que agora se cruza por motivos que van máis aló da relixiosidade, ainda que só o peregrino sabe os seus.
A Compostela dende A Coruña
Para obter a Compostela, certificado da realización da peregrinación, esíxese que, polo menos, se realicen os últimos 100 km a pé e 200 km se se vai en bicicleta ou dacabalo.
Con todo, atendendo á exclusividade histórica da peregrinación dende o porto da Coruña, en decembro de 2016 o cabido da basílica santiaguesa aprobou a súa concesión desde esta urbe sempre que se cumpran uns requisitos.
A condición establecida para a obter a histórica certificación, sempre partindo da Coruña e chegando á catedral de Santiago, é a realización previa do Camiño no país ou rexión de orixe do peregrino/a. Faise unha mención especial para os habitantes da Coruña, que a recibirán visitando os espazos xacobeos da súa cidade e peregrinando a pé a Santiago.