Nota de prensa

Máis de 2.000 persoas participaron na cuarta edición da Primavera no Camiño Inglés

primavera camino

Máis de 2.000 persoas tomaron parte na cuarta edición de Primavera no Camiño Inglés, celebrada esta fin de semana na praza de Armas de Ferrol. Unha iniciativa organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña. Un evento no que a comarca de Ordes estivo moi ben representado pois dúas das súas propostas estiveron entre as máis visitadas: o showcooking de troitas de Oroso e o obradoiro infantil de barro de Mesía.

Manuel Mirás, presidente da Asociación, amósase moi satisfeito polo “gran éxito de participación e de organización que permitiu poñer en valor os numerosos atractivos que presenta o Camiño Inglés a nivel patrimonial, cultural, paisaxístico e gastronómico xusto cando volven despegar as visitas de peregrinos por mor do dobre Ano Santo Xacobeo”.

De feito, Mirás Franqueira apunta que “a última hora da tarde, unha ducia de peregrinos de Portugal, Sevilla e Valencia se achegaron ao recinto feiral e quedaron encantados con todo o que viron que tiñan ao seu alcance durante os próximos días”. “Somos conscientes de que nun ano normal esta afluencia se tería duplicado ou triplicado facilmente, pero tamén sabemos valorar que é o noso primeiro gran acto despois da pandemia e celebramos tamén que empezamos a volver á normalidade e que comezan a chegar peregrinos polo Camiño Inglés para desfrutaren desde dobre Ano Santo Xacobeo”, apunta Mirás Franqueira.

A comarca de Ordes, protagonista

As corenta prazas dispoñibles para cada showcooking cubríronse facilmente e nalgún caso mesmo houbo ocasión de facer unha segunda quenda, como aconteceu coa degustación de máis de 10 quilos de troitas de Oroso con pan de Carral, culminado cunha sobremesa caseira de Casa Xacobe (Sigüeiro). Unha sobremesa que tamén foi entregada a todas as persoas que se achegaron polo stand do Concello de Oroso, onde os máis pequenos non deixaron de tomarse unha fotografía nuns xigantescos zocos cortesía da empresa local Zoclos. A maiores, a música do grupo folclórico Lembranzas do Tambre foi a encargado de pechar a cuarta edición da Primavera no Camiño Inglés.

Outras das actividades máis concorridas durante toda a xornada foron os obradoiros infantís, onde houbo que organizar varias quendas para tentar separar ao gran número de nenos e nenas que desexaban participar. Un dos máis aplaudidos foi o obradoiro de barro promovido polo Concello de Mesía, onde os rapaces podían optar por prepararen a súa peza cun molde ou facer a súa propia cunca nun torno disposto na praza. No stand de Mesía, baixo a imaxe principal do albergue de Bruma, destacábanse tamén produtos de empresas locais como a Casa Grande de Xanceda ou Tejas Verea. Porén, unha das maiores sorpresas foi unha vaca en cartón da Casa Grande de Xanceda que tiña un globo para que os máis pequenos practicaran a arte de muxir unha vaca.   

Finalmente, o stand de Ordes promovía recursos como o Museo do Traxe Juanjo Liñares e eventos como o DesOrdes Creativas. De feito, unha das participantes neste festival de arte urbana, a ilustradora ordense Diana Rodeiro, máis coñecida como Nana, elaborou un graffiti dun peregrino á entrada da carpa de Primavera no Camiño. Un traballo que lle levou case as nove horas que estivo aberta a feira.