Miño desfrutou o Primavera no Camiño Inglés

A vila de Miño acolleu con entusiasmo unha edición de “Primavera no Camiño”, unha xornada festiva que volveu poñer de manifesto o enorme potencial do Camiño Inglés como motor cultural, turístico e social. Desde primeiras horas da mañá, tanto a veciñanza como os peregrinos que transitaban polo municipio víronse atraídos por unha programación pensada para todos os públicos e que conseguiu consolidarse, un ano máis, como unha das citas máis singulares do calendario. A xornada arrincou cun ambiente festivo grazas á actuación itinerante do Grupo Tradicional da Escola Municipal de Música de A Begoña, que marcou o ton alegre do evento e acompañou ás autoridades durante o percorrido institucional pola feira. Ao longo da mañá, o Espazo Institucional acolleu a inauguración oficial do evento, seguida de múltiples actividades culturais que espertaron grande expectación entre o público asistente.

Xa pola tarde, o espectáculo de improvisación teatral “Impro no Camiño” provocou sorrisos e aplausos entre o público congregado no Escenario Primavera. Tamén destacou a entrega de premios do V Concurso de Fotografía do Camiño Inglés, así como a presentación da vindeira edición da Media Maratón e do 10k do Camiño Inglés, organizada pola Rede Stelar. Un dos momentos máis valorados foi a presentación do libro “Relacións históricas galego-británicas: o Camiño Inglés a Santiago”, que atraeu especialmente aos peregrinos de paso interesados en coñecer a dimensión histórica e cultural da ruta. O broche final a esta completa programación cultural púxoo o grupo “Arnela”, que ofreceu un concerto musical ao solpor co apoio do Concello de Miño, pechando a xornada cun ambiente acolledor e participativo.

Un evento para todos os sentidos

A “Primavera no Camiño” non foi só cultura. O Espazo Lúdico tivo un papel protagonista durante toda a xornada coa ludoteca LUDICIRCO e talleres infantís que mantiveron ás crianzas entretidas nun contorno seguro e educativo. Ademais, o popular obradoiro infantil de pan, impulsado polo Concello de Neda, permitiu que as novas xeracións se achegasen dun xeito lúdico ao patrimonio gastronómico galego.

A zona showcooking ofreceu degustacións en vivo que fixeron as delicias do público asistente. Desde queixos e requeixos de Campo Capela, ata empanadas da Panadería La Nueva de Neda ou carnes á brasa do restaurante Brasa de Beche (A Begoña), o evento foi tamén unha celebración do produto local e de proximidade. O GASTROBAR, en colaboración con A Artesa da Moza Crecha, mantivo durante toda a xornada unha oferta gastronómica de calidade con selo local, que foi moi ben recibida polos visitantes.

O Mercado Artesanal STELAR completou a experiencia cunha coidada selección de postos de artesanía e produto local, que atraeron tanto a veciños como a peregrinos internacionais, sorprendidos pola calidade e a orixinalidade das propostas presentadas. A combinación de creatividade e tradición permitiu que moitos visitantes levaran consigo un anaco do Camiño Inglés.

Un impulso ao Camiño Inglés

A celebración desta oitava edición en Miño puxo de relevo a importancia de dinamizar os concellos polos que discorre o Camiño Inglés, amosando que o paso de peregrinos non é só unha oportunidade turística, senón tamén unha ocasión para reforzar a identidade local e o tecido económico da zona. Desde a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, organizadora do evento xunto á Rede Stelar e coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Miño, valórase moi positivamente a resposta do público, a participación institucional e, sobre todo, a implicación das persoas que fan posible que o Camiño Inglés sexa unha experiencia cada vez máis completa, integradora e sostible.

Escribe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *