O Camiño Inglés no Reino Unido e Irlanda
Estes territorios albergan rutas históricas que os peregrinos poden percorrer camiño de Santiago de Compostela.
O Camiño Inglés foi a ruta escollida durante moitos séculos polos peregrinos que viaxaban por mar desde numerosos portos situados no Atlántico europeo e tamén desde o Báltico. Sábese que países como o Reino Unido, Irlanda, Dinamarca ou Alemaña tiveron unha enorme tradición na peregrinación a Compostela.
Hoxe esa tradición recuperou o protagonismo e son numerosas as entidades que traballan a favor da recuperación dos itinerarios que os peregrinos medievais seguiron dende os seus países de orixe ata chegar aos portos de embarque que os levaron a Santiago.
Os británicos e os irlandeses foron os peregrinos máis numerosos e, polo tanto, non é de estrañar que hoxe estean a facer os esforzos máis meritorios para mellorar o Camiño Inglés e recuperar as rutas que percorreron os peregrinos.
Neste proceso é fundamental o traballo que están a desenvolver a Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña, xunto con entidades sen ánimo de lucro como a Confraternity of Saint James, no Reino Unido ou pola Camino Society Ireland. Nas asociacións de Amigos do Camiño, así como noutros grupos locais, numerosos voluntarios realizan diversas actividades como a publicación de guías sobre o Camiño Inglés, o recoñecemento (unha vez comprobado o seu valor histórico) das rutas de peregrinación nestes países, a sinalización das rutas coa súa característica frecha amarela e a vieira, así como a difusión a través de proxectos artísticos e educativos ou a organización de peregrinacións entre outroutras moitas accións.
Os quilómetros feitos polas rutas do Camiño Inglés no Reino Unido e Irlanda (acreditados cos selos correspondentes na credencial) contan para obter a Compostela, certificado emitido pola Igrexa católica que require ter percorrido un mínimo de 100 km a pé, cando se comeza o Camiño Inglés na Coruña.
O Camiño Inglés en Inglaterra
A orixe do Camiño Inglés localízase no condado de Durham, no nordeste de Inglaterra, moi preto de Escocia. Unha ruta que dende hai uns anos foi recuperada e promovida pola asociación Friends of Finchale Camino (co apoio da Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés). Dende a fermosa abadía de Finchale, St Godric no século XII comezou unha das primeiras peregrinacións de Inglaterra a Santiago das que se ten constancia histórica. Dende Finchale o Camiño Inglés está sinalizado con frechas amarelas ata a igrexa de Escomb, pasando pola cidade histórica de Durham e a súa catedral, declarada Patrimonio da Humanidade, onde se pode selar a credencial, e por lugares como Bishop Auckland. É unha magnífica ruta de 34 km que se estende cada ano cara aos portos do sur do país.
Ademais, os Northern Saints Trails, seis rutas baseadas en antigos camiños de peregrinación, comparten tramos co Camiño Inglés. The Way of Learning únese ao ‘The English Way’ na abadía de Finchale ata Durham e The Way of Life une Gainford e Durham, compartindo todo este traxecto co Camiño Inglés no Reino Unido.
1. Finchale - Durham
O Camiño Inglés comeza na abadía de Finchale, alí coñecida como simple priorado. A excelente sinalización permite pasar a primeira etapa sen ningún problema, rematando na catedral de Durham. Finchale foi fundada por Saint Godric. El tamén peregrinou a Santiago, Xerusalén e Roma. Hoxe en día aínda hai enormes e impoñentes ruínas, cuxa visita é posible pagando unha entrada como sempre ocorre en lugares similares de Inglaterra. Require polo menos unha hora de tempo, descansando no café que abre as súas portas alí mesmo. O máis difícil é o primeiro quilómetro, cando subimos un outeiro. Bordéase isto e unha granxa para entrar logo nun bosque moi acolledor. Os sinais evitan confundirse con outros camiños e chegamos á parte baixa, coa catedral e o castelo de Durham ao fondo. Así, o peregrino deixa á súa dereita os xardíns de Crook Hall cando ten media ducia de quilómetros nas pernas e entra no centro urbano. Só queda cruzar o río e ascender á catedral.
2. Durham - Bishop Auckland
A segunda etapa vai desde a catedral de Durham -Patrimonio da Humanidade- ata a igrexa de Escomb, de gran valor artístico e situada nos arredores doutra cidade xacobea como é Bishop Auckland.
Todo está sinalizado pola Asociación de Amigos de Finchale Camino e segue o curso dun camiño histórico que desde a Idade Media percorreron os peregrinos, moitos dos cales se dirixían a Compostela.
Esta etapa é rural: apenas hai localidades e as existentes son moi pequenas e pintorescas. Ao longo do seu itinerario (ademais de Bishop Auckland) hai dous establecementos -un pub e un hotel- onde poderás cargar as pilas.
De toda Inglaterra, Escocia e do norte de Europa descendían os peregrinos que buscaban un porto. Hoxe, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña están a traballar coa Confraternity of Saint James e grupos locais do Reino Unido para promover eses tramos, algúns dos cales xa están identificados e sinalizados.
Así, o que vai de Reading a Southampton, coñecido como St James’ Way, ten unha guía preparada pola mencionada Confraternity. Reading e a súa abadía son considerados o centro do culto a Santiago en Inglaterra durante a Idade Media e moitos dos barcos con peregrinos saíron de Southampton camiño a Compostela. A abadía real de Reading foi unha das máis importantes de Inglaterra e Europa debido a que foi a depositaria da man do Apóstolo Santiago, unha das reliquias máis importantes en Europa naquela época e que atraeu a moitos peregrinos. Na igrexa de Saint James en Reading é posible selar a credencial antes de continuar a ruta de 110 km a Southampton atravesando Winchester.
Outro tramo relevante para os peregrinos británicos a Santiago co porto de Plymouth como punto de embarque é o chamado localmente St Michael´s Way, no sur de Cornwall, entre Lelant e St Michael Mount, e coa categoría de Ruta Cultural Europea. Unha impresionante ruta dun día do Camiño Inglés mantida e promovida polos Friends of St Michael’s Way, un entusiasta grupo de voluntarios que elaboran as súas propias guías e organizan numerosos eventos coa ruta como protagonista.
Ademais das xa mencionadas, hai outras rutas populares entre os peregrinos británicos debido á súa vinculación histórica co Camiño Inglés e nas que se poden obter selos para a credencial.
En Cornwall hai unha segunda ruta recoñecida, The Saints´ Way, que atravesa o centro de Cornwall dun lado para o outro, desde o porto de Padstow ata o porto de Fowey, a través das fermosas e variadas campiñas deste condado.
The Pilgrims Way, entre Londres ou Winchester e Canterbury.
The Way of St Andrews, un total de oito fantásticas rutas de peregrinación con diferentes puntos de orixe en Escocia e no norte de Inglaterra coa cidade de St Andrews como destino, xa que na súa catedral gardáronse as reliquias de San Andrés, o patrón de Escocia.
Walsingham Way dende Norwich a Walsingham.
Os Camiños en Irlanda
Camino Society Ireland iniciou a tarefa de definir e recoñecer auténticas rutas de peregrinación en Irlanda para que os 25 km deste país se completen antes de viaxar a Galicia e percorrer os 75 km restantes desde a cidade da Coruña e obter a Compostela. A Coruña ten numerosos lazos históricos con Irlanda, entre outros ser o principal porto de destino dos peregrinos irlandeses na Idade Media. A Camino Society denominou Celtic Camino ou Camiño Celta á suma dos 25 km percorridos en Irlanda e os 75 km da Coruña. Os peregrinos deberán acreditar cos selos pertinentes na credencial oficial o Camiño que percorreu en Irlanda e a Camino Society verificará o traxecto entregando unha Celtic Camino Compostela que logo servirá na Oficina do Peregrino en Santiago de Compostela como proba de ter percorrido os 25 quilómetros en Irlanda.
Entre as rutas máis destacadas en territorio irlandés podemos incluír as seguintes:
Croagh Patrick Heritage Trail no condado de Mayo, ao oeste de Irlanda, cunha distancia total de 63 km, dende Balla ata o pé de Croagh Patrick en Murrisk.
Tóchar Phádraig no mesmo condado irlandés, este antigo camiño consta de aproximadamente 35 km desde a abadía de Ballintubber ata o mítico e sagrado Croagh Patrick.
Bray Coastal Route Percorrido de pouco máis de 30 km, que discorre pola costa desde a cidade de Bray e remata na igrexa de Saint James na cidade de Dublín.
Boyne Valley Camino no condado de Louth temos este circuíto de 25 km. Comeza en Drogheda e percorre lugares como Townley Hall, Melifont Abbey ou Belnumber Wood.
St Kevin’s Way esta ruta de 30 km comeza desde Hollywood (Irlanda) -aínda que tamén pode comezar en Valleymount- e segue os pasos de St Kevin subindo a Wicklow Gap para despois descender a Glendalough, onde se poden visitar as ruínas do antigo mosteiro.
St Finbarr’s Pilgrim Path este camiño segue, neste caso, os pasos de Finbarr no século VI e parte de Drimoleague na zona de Kealkill ata chegar a Gougane Barra despois de 42 km de percorrido.
Kerry Camino no condado de Kerry cunha distancia total de 57 km nos que partiremos de Tralee ata Camp para ir máis tarde a Annascaul e finalmente a Dingle.
St Declans Way é a ruta máis longa que podemos realizar en territorio irlandés porque a distancia é de case 100 km e abarca moitas localidades. Segue o camiño que fixo Declan no século V para atoparse con San Patricio. A ruta vai desde Cashel (condado de Tipperary) ata Ardmore (condado de Waterford).
Slí ár Sinsear – O Camiño dos nosos Devanceiros ten unha distancia total de 29 km, desde Glenbeigh ata Cahersiveen no condado de Kerry. Segue camiños ancestrais como o do Reino de Drung que tería as súas orixes na época dos milesios, que ían a Irlanda desde Galicia.