O Camiño Inglés incorpora en Oroso un memorial da peregrinación do cabaleiro suízo Heinrich Von Zug. Un memorial que foi descuberto polo embaixador de Suíza en España e Andorra, Hanspeter Mock, e o alcalde de Oroso e presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás. Esta emotiva homenaxe a Heinrich Schömbrunner Von Zug, peregrino ilustre do Camiño Inglés no 1531, incluíu a inauguración dun memorial e dunha placa na súa memoria.
Autoridades asistentes
Ambos estiveron acompañados por distintas autoridades. Entre elas: Alberto Giovanetti, agregado Cultural e Científico da Embaixada de Suíza en España; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; e Cecilia Pereira, Comisaria do Xacobeo 2021. Ademais, asistiron concelleiros de Oroso e membros da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, como a súa xerente, Cristina García; ou o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, entre outros.
Mock e Mirás descubriron un memorial na entrada do parque do Carboeiro. Unha escultura que recolle: “dedicado a Heinrich Schömbrunner Von Zug, que peregrinou a Santiago no ano 1531 e o 21 de marzo parou en Sigüeiro”. A estatua está feita en formigón e ten forma de libro, en recordo ao diario que levaba o cabaleiro.
Valores do Camiño
Manuel Mirás destacou que “é emocionante ver como os peregrinos da época xa falaban do Camiño Inglés facendo referencia a valores como a solidariedade, a amizade, a espiritualidade e a paz”. Por iso, o alcalde apuntou que “hai xa moitos anos que en Oroso comprendemos a importancia de revitalizar o Camiño Inglés, unha ruta que une Europa”.
Neste sentido, e aínda que “coa nosa aposta polo Camiño Inglés puxemos Oroso no mapa”, Mirás asegura que “aínda queda moito por facer”. Sen embargo, adianta que “con moito traballo fomos capaces de converter Oroso nun concello con identidade propia cun recoñecemento que traspasa fronteiras”. Por iso, ve “unha verdadeira honra para Oroso que o embaixador Hanspeter Mock viñese inaugurar este memorial”.
Galicia en Suíza
Pola súa parte, Hanspeter Mock agradeceu “este acto tan emotivo nun lugar como Oroso, cunha paisaxe similar ao de Suíza”. Así mesmo, lembrou “aos milleiros de galegos que fixeron o Camiño ao revés, desde Galicia a Suíza para traballar alí”. Deste modo, engadiu que “dos 85.000 estranxeiros que viven oficialmente en Suíza, preto de 60.000 son galegos e galegas, persoas moi apreciadas alí polo seu carácter, o seu traballo e a súa seriedade”.
O Camiño Inglés incorpora en Oroso un memorial da peregrinación dese cabaleiro. Despois, a comitiva percorreu o Camiño Inglés ata o Paseo dos Peregrinos Ilustres. Aló descubriu unha placa conmemorativa e entregou os galardóns dun concurso escolar. A xornada finalizou coa visita ao Centro de Estudos do Camiño Inglés.
Durante ae entrega de premios, o concelleiro de Turismo e deputado provincial, Antonio Leira, destacou “a importancia de que o legado do Camiño pase ás novas xeracións”. Pola súa parte, o vicepresidente provincial, Jose Regueira, destacou “o gran traballo realizado por Oroso e o seu alcalde, Manuel Mirás, na revitalización do Camiño Inglés desde hai moitos anos”.