Nota de prensa

O Camiño Inglés protagoniza a nova guía gratuíta de 20xVinte

Guia do Camiño Inglés

O Camiño Inglés protagoniza a nova guía gratuíta de 20xVinte. A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña promoven a edición dunha guía dedicada ao Camiño Inglés. Esta guía é gratuíta e ten unha primeira edición de 6.000 exemplares. “20xvinte O Camiño Inglés 2021” foi elaborada pola empresa 20xvinte e fai un percorrido polas distintas etapas desta ruta xacobea. Así, a guía inclúe tanto as saídas desde Ferrol e A Coruña, como o seu nacemento na abadía de Finchale, en Inglaterra.

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, recibiron cadanseu exemplar da man da directora de 20xvinte, Mónica S. Castromil. Un acto no que estiveron acompañados polo deputado provincial Antonio Leira; pola xefa de servizo de Turismo da Deputación da Coruña, Maite Loureiro, e pola xerente da asociación, Cristina García.

Manuel Mirás agradece o apoio da Deputación da Coruña e explica que “a edición desta guía é unha das accións de promoción da nosa ruta que tiñamos previstas para este ano Xacobeo e que pensamos complementar coa edición doutros folletos, tanto xerais como para cada ruta”. Pola súa banda, Mónica Castromil salienta que “despois de facer unha guía sobre o Camiño de Santiago, en xeral, escollemos o Camiño Inglés porque é unha ruta emerxente e cuxas etapas discorren por unha soa provincia”.

Características da guía

A guía está escrita en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Pode descargarse en formato PDF desde este enlace: “20xVinte Camiño Inglés”.

Cada un dos 16 municipios incluídos na Asociación de Concellos do Camiño Inglés recibiu unha remesa de cen exemplares. A maiores, a guía pode atoparse en hoteis e oficinas municipais de turismo de toda a provincia da Coruña.

Ao longo das súas máis de medio cento de páxinas, a guía recolle breves recomendacións realizadas por vinte embaixadores e embaixadoras do Camiño Inglés, persoas á fronte de blogs e redes sociais dedicadas ao Camiño Inglés tanto desde España (Andalucía, Canarias, Cantabria, Estremadura, Galicia, Madrid, Navarra e Valencia) coma do resto do mundo (EEUU, Colombia, Italia, Portugal).

Estrutura

“20xvinte O Camiño Inglés” segue unha estrutura que combina un breve comentario dun dos embaixadores cunha ficha práctica sobre unha das etapas e que inclúe: un mapa, os lugares imprescindibles a visitar, os produtos gastronómicos a degustar, información sobre turismo e albergues dispoñibles, así como un código QR onde ampliar todos estes datos.

A maiores, a guía recolle todos os hoteis nos que aloxarse ao pe do Camiño Inglés, así como algunhas suxestións gastronómicas, cos pratos estrela de cada zona.