O Camiño Inglés reforza a súa promoción no Reino Unido con accións en Reading e Southampton

A Deputación da Coruña, en colaboración con Turismo de Galicia–Xacobeo 27 e a Embaixada de España no Reino Unido, desenvolveu a finais de abril unha nova acción de promoción internacional do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra-Muxía. A iniciativa contou coa colaboración da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e combinou unha xornada divulgativa en Reading coa inauguración dun novo marco xacobeo en Southampton, reforzando así os vínculos históricos entre Galicia e Inglaterra.

Reading, punto de encontro co público británico

A primeira das accións tivo lugar o sábado 25 de abril en Reading, coa celebración de Walk the Spanish Way – Primavera no Camiño, un evento aberto ao público que achegou a experiencia do Camiño ao centro da cidade, en pleno trazado do St James’ Way. Ao longo da xornada, o público puido coñecer de primeira man os valores culturais, paisaxísticos e gastronómicos de Galicia, nunha proposta que combinou información turística, contidos audiovisuais, música tradicional e degustacións.

A acción foi organizada pola Deputación da Coruña, coa participación de Turismo de Galicia e da Embaixada de España no Reino Unido, e contou coa implicación de entidades como a Confraternity of Saint James e a rede local vinculada ao St James’ Way. A Asociación de Concellos do Camiño Inglés participou activamente nesta cita, representada polo seu presidente, Bernardo Fernández Piñeiro, quen destacou a importancia de seguir consolidando a presenza do Camiño Inglés no mercado británico, un dos máis vinculados historicamente a esta ruta xacobea.

No marco desta visita institucional e técnica, a delegación tivo ocasión de percorrer distintos treitos do St James’ Way no condado de Hampshire, con paradas en enclaves como Preston Candover. Estes percorridos permitiron coñecer sobre o terreo o contexto histórico do itinerario, que conducía os antigos peregrinos cara aos portos do sur de Inglaterra desde onde embarcaban rumbo a Galicia.

Southampton, símbolo da conexión histórica

A axenda continuou o luns 27 de abril en Southampton, onde se inaugurou un novo marco do Camiño Inglés xunto á igrexa de Holyrood, un dos puntos máis representativos da tradición peregrina na cidade. Este fito marca o final do percorrido do St James’ Way en territorio británico e reforza o papel histórico de Southampton como porto de saída cara a Santiago de Compostela.

O acto contou coa participación do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; do director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa; e de representantes da Deputación da Coruña, entre eles Antonio Leira, ademais da presenza da Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

Durante a xornada, que incluíu un percorrido simbólico desde a porta medieval de Bargate ata a contorna de Holyrood, púxose en valor o traballo conxunto que se vén desenvolvendo para reforzar a proxección internacional do Camiño Inglés, especialmente no contexto do vindeiro Xacobeo 2027.

Estas accións no Reino Unido consolidan unha liña de traballo orientada a recuperar e fortalecer a dimensión atlántica do Camiño, reforzando a conexión histórica entre ambos territorios e posicionando o Camiño Inglés como unha das rutas con maior potencial de crecemento no ámbito internacional.