Neste 2025 o Camiño Inglés continúa a súa senda de crecemento e consolidación como unha das rutas xacobeas mellor valoradas. A día 19 de outubro entregáronse 28.753 compostelas, superando xa o total rexistrado en todo o ano 2024, que fora de 28.065. Así o reflicten os datos recollidos pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, que amosan unha tendencia positiva tanto no número de peregrinos como na calidade da súa experiencia.
A enquisa realizada entre abril e setembro de 2025 a un total de 830 peregrinos revela un cambio significativo: por primeira vez, os viaxeiros internacionais superan aos nacionais nas respostas, representando o 55% fronte ao 45%. Este dato non implica que haxa máis estranxeiros ca españois nas compostelas finais —onde os nacionais seguen a ser maioría—, pero si confirma o crecente interese exterior pola ruta e o seu potencial de atracción turística internacional.
A mostra inclúe camiñantes de 48 nacionalidades diferentes, con especial incremento de Estados Unidos e Portugal, que practicamente duplican as cifras de 2023. Ademais, o Camiño Inglés continúa a abrirse a novos mercados, con viaxeiros chegados de lugares tan afastados como Singapur, India, Filipinas, Australia ou Madagascar.
Un Camiño con alta satisfacción e impacto económico positivo
O grao de satisfacción mantense en niveis moi elevados, cunha puntuación media de 4,44 sobre 5, e máis da metade dos enquisados (58%) outorga a máxima valoración. Os peregrinos destacan especialmente a beleza da paisaxe, a hospitalidade e a calidade dos servizos. Tamén se detecta un incremento no gasto medio diario, que se sitúa arredor dos 51 euros por persoa. O grupo de camiñantes que declara un gasto entre 50 e 75 euros ao día pasa do 17% ao 25%, un dato que reflicte o impacto económico positivo da ruta sobre os concellos que atravesa. Desde a Asociación subliñan que moitos participantes non incluíron o custo do aloxamento no cálculo, polo que o gasto real podería ser aínda superior.
As mulleres representan o 54% dos peregrinos que escollen o Camiño Inglés, un feito que reforza a súa imaxe como ruta segura e acolledora, especialmente valorada por viaxeiras soas ou en pequenos grupos. En canto á idade, predominan as persoas de 45 a 54 anos, seguidas das de 55 a 64, mentres que o grupo menor de 45 anos experimenta unha lixeira redución.
Case a metade dos participantes (49,7%) considera que non é necesario introducir melloras significativas na ruta, o que demostra o alto nivel de satisfacción xeral. Entre as suxestións máis repetidas destacan o aumento de servizos de hostalería nalgúns tramos e a redución dos percorridos por estrada, ambas cun 13% das respostas. Tamén se mencionan a creación de áreas de descanso con bancos e fontes (8,5%) e pequenas melloras en seguridade viaria ou pasos peonís, aínda que a sinalización é valorada como excelente pola gran maioría dos enquisados.
Desde a Asociación de Concellos do Camiño Inglés salientan que estes resultados confirman o bo momento da ruta, tanto polo seu crecemento sostido como pola calidade da experiencia que ofrece. “O Camiño Inglés medra con equilibrio, diversifica mercados e reforza o impacto local nos concellos que o conforman. É unha ruta viva, que mantén a esencia do Camiño de Santiago e que continúa conquistando peregrinos de todo o mundo.”






Escribe un comentario