Nota de prensa

O Cronista Oficial do Camiño Inglés presenta un libro que recolle os nomes dos peregrinos desde Reino Unido entre o século XII e 1909

“A peregrinación a Santiago de Compostela dende Gran Bretaña: unha aproximación preliminar” foi editado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Deputación da Coruña e a Universidade de Newcastle

18 de marzo de 2022. A Universidade de Newcastle acolleu a presentación do libro “The pilgrimage to Santiago de Compostela from Great Britain: a preliminary aproach” (“A peregrinación a Santiago de Compostela dende Gran Bretaña: unha aproximación preliminar”), obra do xornalista ferrolán Cristóbal Ramírez, Cronista Oficial do Camiño Inglés. Un libro editado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Deputación da Coruña e a Universidade de Newcastle, que se encargou da súa tradución ao inglés.

 

Á presentación asistiron o deputado delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior, Antonio Leira; e a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, quen desculpou a ausencia do presidente Manuel Mirás, ausente por Covid. Dende Galicia, Mirás Franqueira asegura que “desde a Asociación estamos interesados non so en promover o Camiño Inglés senón tamén en promover o coñecemento, indispensable para coñecer o territorio e as peregrinacións. Ese coñecemento dos Camiños de Santiago e o traballo realizado por Cristóbal Ramírez, xunto a moitas outras persoas, demostran o importante que foi o Camiño Inglés para as peregrinacións desde o Norte de Europa, esencialmente desde  Inglaterra”.

 

Pola súa banda, Antonio Leira garantiu a colaboración futura “en calquera actividade que desenvolva esta universidade a prol do Camiño Inglés”. O libro recolle, por primeira vez, todos os nomes de peregrinos dende o que é hoxe o Reino Unido ata Compostela, comezando no século XII e rematando no ano 1909.

 

Cristóbal Ramírez (Ferrol, 1952) é un xornalista e exprofesor na Universidade da Coruña. Durante 20 anos presidiu a Asociación Internacional de Xornalistas do Camiño de Santiago, especializándose no Camiño Inglés, do que vén de ser nomeado Cronista Oficial. Premio Nacional de Xornalismo en 1989 polo seu traballo na promoción das rutas xacobeas, publicou varios libros sobre os Camiños de Santiago.

Reunión en Durham

Pola tarde, a delegación coruñesa desprazouse A Durham, onde mantivo unha xuntanza coa coordinadora do Durham World Heritage Site, Jane Gibson; e representantes do equipo de marketing da Catedral de Durham.