San Godric de Finchale, o home que inaugurou o Camiño Inglés

Cando pensamos no Camiño Inglés as nosas mentes viran dun xeito case automático cara as rías do norte de Galicia, ao verde intenso da provincia da Coruña e aos grandes barcos cargados de viaxeiros procedentes das Illas Británicas.

Pero, algunha vez te preguntaches quen foi o pioneiro deste gran camiño? Hoxe temos que viaxar no tempo, ata o século XIX, para coñecer o nome de San Godric de Finchale, considerado tradicionalmente como o primeiro peregrino británico con constancia de ter chegado ata Santiago de Compostela.

Godric, nado en Norfolk cara o ano 1065, ten unha vida que podería ter sido sacada dunha novela de aventuras. Antes de ser retirado como eremita e ser venerado coma un santo, foi todo un lobo de mar. Comezou traballando coma vendedor ambulante, e a súa ambición levouno a converterse nun gran mercador marítimo e, segundo apuntan algunhas investigacións da época, incluso en pirata. Navegou sen descanso polos mares do norte de Europa, e a gran inmensidade das augas, o illamento e os perigos constantes da vida mariñeira, forxaron nel unha profunda espiritualidade. Tras tres anos acumulando riquezas, sentiu unha chamada interior irrefreable que o levou a desfacerse dos seus bens, perdoar aos seus inimigos e comezar unha incesante busca de redención.

A principios do século XII, calcúlase que entre os anos 1102 e 1106, moito antes de que o camiño contase coa infraestrutura que hoxe en día coñecemos, Godric emprendeu a súa travesía dende Durham. Despois de Xerusalén e Roma, fixou o seu rumbo cara o fin do mundo coñecido: Santiago de Compostela. A viaxe naquel tempo era unha autentica tolemia. Cruzar as xeadas augas do Mar Cantábrico, nunha embarcación de madeira medieval, non eran tarefa fácil para ninguén. Os fortes temporais, as doenzas, a fame e as ameazas doutras naves eran os principais perigos daquela viaxe.

Aínda que non existen rexistros do porto no que Godric tocou terra firme, a lóxica da navegación da época fai pensar que o da Coruña ou o de Ferrol eran os puntos de desembarco naturais. Unha vez alí, cambiou o inestable navío inglés pola firmeza das verdes terras de Galicia. Camiñou polos mesmos sendeiros, espesas fragas e pontes de pedra que a día de hoxe miles de peregrinos completan ata finalmente situarse diante do sepulcro do Apóstolo.

O nacemento dunha ruta milenaria

Aínda que a viaxe de Godric puido parecer unha fazaña solitaria, non tardou en ser secundada. O seu retorno a Inglaterra e as historias da súa peregrinación foron o punto de partido dunha gran tradición. Co paso dos anos cada vez máis barcos cruzaban os mares cargados de devotos que ben podían ser ingleses coma irlandeses, escoceses u mesmo escandinavos, que de camiño á Terra Santa ou mesmo á Península, facían unha pausa na súa viaxe para render tributo ao Apóstolo en Santiago.

As guerras e a inestabilidade política de Europa converteron o tránsito por terra a través de Francia nunha viaxe con moitos perigos, facendo que a ruta inglesa rematara sendo unha das preferidas polos devotos do norte. Os portos de A Coruña e Ferrol enchéronse de peregrinos e a sociedade galega adaptouse axiña a esta nova normalidade co xurdimento de hospitais, ordes relixiosas e mosteiros ao longo do camiño para dar “asistencia” aos camiñantes.

Na actualidade, cando un peregrino chega ao norte de Galicia e comeza a camiñar cara Compostela, non fai máis que seguir a liña invisible que San Godric de Finchale trazou hai case mil anos.