St Michaels' Way

Cornwall – 12,5 millas / 20.5 km, dende Lelant a St Michael´s Mount

A ruta cruza a península de Cornwall polo extremo oeste. Constitúe un gratificante paseo dun día con fermosas vistas e a oportunidade de escalar a illa de St Michael’s Mount ca marea baixa, podendo visitar a igrexa no cume. É o único Itinerario Cultural Europeo do Reino Unido. Segue en gran parte unha antiga ruta comercial utilizada polos santos celtas e os peregrinos medievais. Dende a Idade de Bronce, os comerciantes de Irlanda e Gales preferían cruzar a península por terra no seu punto máis estreito que navegar as perigosas correntes, zonas rochosas e refuxio de piratas arredor de Land’s End. Os primeiros misioneiros cristiáns e, posteriormente, os peregrinos durante a Idade Media, optaron por facer o mesmo. Os peregrinos visitarían a ermida de St Michael’s Mount e logo emprenderían a súa viaxe a Santiago de Compostela. A pesar de ter menos de 25 km, a ruta está igualmente recoñecida como parte do Camiño Inglés.

Foto: St Michael's Way - Sinal

O itinerario transcorre no seu tramo inicial ao longo da impresionante costa norte de Cornwall, segue o tramo principal por terra, que cruza o condado, unindo pozas e antigos lugares sagrados que inclúen a pedra prehistórica de Beersheba, de 3 metros de altura e a Bowl Rock, que segundo conta a lenda foi utilizada como bola nun xogo de bolos entre dous xigantes míticos na cima dun outeiro. Outros puntos destacados ao longo da ruta inclúen a igrexa de St Uny en Lelant, Carbis Bay, o forte neolítico en Trencom Hill e a igrexa de St Paul en Ludgvan, un antiguo lugar de reunión para peregrinos. Por último, a fermosa illa de St Michael´s Mount, co seu castelo e a capela dedicada ao arcanxo San Miguel que, segundo a tradición, apareceuse alí mesmo a uns pescadores. Curiosamente, neste monte acendeuse o primeiro faro que avisaba da chegada da Armada Invencible no 1588.