Press release

O Camiño Inglés preséntase en Fitur como “unha ruta histórica e singular que non sofre a masificación doutros destinos”

“Unha ruta histórica, auténtica e singular pero non tan coñecida que, grazas a iso, non sufre a masificación doutros destinos. Isto permítelle ao peregrino desfrutar case de forma privada de paisaxes marabillosas e camiños auténticos”. Con estas palabras do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, o Camiño Inglés preséntase en FITUR 2021.

A presentación tivo lugar no expositor de Galicia en FITUR. Mirás Franqueira estivo acompañado polo vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e o xornalista especializado en viaxes, Francisco Nadal. O acto foi seguido polo deputado provincial Antonio Leira; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, entre outras autoridades. Da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, ademais da xerente, Cristina García, tamén asistiron os alcaldes de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e Ferrol, Ángel Mato; o tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, e o concelleiro de Turismo de Santiago, Gumersindo Guinarte.

Única ruta xacobea con peregrinación por mar

Manuel Mirás sinalou que “se algo nos ensinou esta pandemia sanitaria é que a xente está desexosa de camiñar, de entrar en contacto coa natureza e descubrilo todo. E que, ás veces, o máis fermoso e descoñecido o temos á porta das nosas casas”. Neste sentido, insistiu en que “o valor do Camiño Inglés traspasa as nosas fronteiras. As súas orixes atopámolas na Abadía de Finchale, no norte de Inglaterra. Un camiño por terra cara os portos do sur que se está recuperando grazas ao inestimable apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e asociacións locais”.

Como valor singular do Camiño Inglés, Mirás indicou “a peregrinación por mar a Compostela, que non existe en ninguhna das outras rutas xacobeas. Desde as illas británicas chégase aos portos da Coruña ou Ferrol, desde onde se inicia unha última peregrinación por terra ata Santiago”. “É curioso porque o emblema dos peregrinos é de orixe marítima: a concha de vieira, que é unha metáfora do renacer e das boas obras. Porén, o mar non é protagonista en ningunha outra ruta xacobea, so no Camiño Inglés”, concluíu Mirás Franqueira.

Na Asociación de Concellos do Camiño Inglés contan con documentación que demostra que durante a Idade Media esta ruta xacobea rivalizou en número de peregrinos co Camiño Francés. “Peregrinos que preferían arriscarse a facer unha viaxe por mar de entre 2 e 4 semanas, en vez dun camilo de 1 ou 2 años por terra”, apuntou Manuel Mirás.

Para finalizar, o presidente da Asociación convidou aos presentes a descubrir o Camiño Inglés porque “fronte á masificación doutras rutas, nós ofrecemos singularidade. Fronte a camiños unicamente por terra, nós dispoñemos dos encantos da costa atlántica e do interior coruñés. Porque fronte a camiños asfaltados, nós conservamos tramos e paraxes como as que descubriron os primeiros peregrinos a Compostela, aló polo século XI”.

A Chamada do Camiño Inglés

O Camiño Inglés preséntase en FITUR cun novo vídeo promocional elaborado por Paco Nadal, xornalista especializado en viaxes, quen narrou a súa experiencia como peregrino por esta ruta xacobea. “O que descubrín é un camiño como o que me atopei a primeira vez que fixen o Camiño Francés en 1993”.

Neste vídeo, Paco Nadal comparte a súa experiencia polo Camiño Inglés, saíndo tanto desde Ferrol como desde A Coruña. Un percorrido no que salienta os distintos atractivos paisaxísticos, culturais, patrimoniais e mesmo gastronómicos desta ruta, como a premiada internacionalmente tortilla de Betanzos como os pans de Carral ou Neda.

Paco Nadal
Camiño Inglés en Fitur
Rueda: “un Camiño a descubrir”

Finalmente, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, felicitou tanto á Asociación de Concellos do Camiño Inglés como ao xornalista Paco Nadal polo seu traballo. Rueda asegurou que “o Camiño é desfrutar e, cando se transmite desta forma, a todos nos entran gañas de facerlo”.

O vicepresidente da Xunta recoñeceu que acaba de realizar o Camiño Inglés en bicicleta, bromeando con que “non é tan llano, algunha costa que outra ten”. Ademais, destacou que “é unha parte de Galicia por coñecer desde o punto de vista do Camiño”. Neste sentido, Alfonso Rueda salientou que o Camiño Inglés é un exemplo do moito que nos queda por descubrir aínda en Galicia”.