Press release

O Camiño Inglés promociónase na feira de turismo World Travel Market de Londres

Unha delegación da Deputación da Coruña, encabezada polo deputado Antonio Leira, desprazouse á feira de turismo World Travel Market, que se celebrou esta semana en Londres para promocionar e difundir os valores do Camiño Inglés.

Os representantes mantiveron distintas reunións con touroperadores especializados na comercialización dos Camiños de Santiago e que actualmente xa están traballando no territorio. Nestas xuntanzas púxose de relevancia o alcance das accións levadas a cabo nos últimos anos, ademais de avaliar o posible impacto da paquetización dos produtos turísticos do Camiño Inglés.

Os diferentes touroperadores, tanto en España como en Inglaterra, amosaron o seu interese por traballar no territorio e comercializar paquetes turísticos relacionados co Camiño Inglés. Unha ocasión que a Deputación da Coruña aproveitou para  abrir novas vías de traballo e establecer contactos entre estes touroperadores e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

Reunións

A delegación da Deputación da COruña mantivo tamén xuntanzas con outras entidades e personalidades. Entre elas, coa Directora Xeral da Confraternity of Saint James, que reúne a diferentes asociacións do Camiño en Inglaterra, ou co secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, quen recibiu como agasallo un exemplar do libro “O Camiño Inglés”, escrito por Cristóbal Ramírez, cronista oficial desta ruta xacobea.

Así mesmo, mantivéronse reunións co director da Oficina española de turismo (OET) en Londres, Manuel Butler; e co presidente da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Rafael Serrano, entre outros.