Press release

A Asociación do Camiño Inglés recibe en Oroso a visita dos alumnos da Facultade de Turismo da UDC

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés recibiu hoxe a visita dos alumnos e alumnas da Facultade de Turismo da Universidade da Coruña (UDC) no Centro Cultural de Sigüeiro, no Concello de Oroso.

 

O presidente da Asociación, Manuel Mirás, o deputado provincial, Antonio Leira, o alcalde de Oroso, Luis Rey, xunto á hospitaleira e propietaria da pensión boutique “Siaba”, Bea Domínguez, e á artesá e emprendedora de “Zoclos Sigüeiro”, Eva María Carreira, impartiron unha conferencia organizada pola propia UDC á que asistiron os estudantes do 3.º curso.

 

A conferencia estivo moderada polo cronista oficial do Camiño Inglés, Cristóbal Ramírez, e contou ademais coa intervención en diferido de Penélope Johnson, profesora da Universidade de Durham (Reino Unido) e colaboradora tanto da Asociación como da UDC.

 

“Para a Asociación do Camiño Inglés este tipo de encontros son moi importantes. Dar a coñecer tanto o noso traballo como os recursos patrimoniais vinculados ao Camiño entre os futuros profesionais do sector turístico é clave no labor de formación que marcamos sempre como o noso obxectivo prioritario”, subliña o presidente da Asociación, Manuel Mirás.

 

“Quero das as grazas tanto a UDC pola organización desta conferencia, como a todos os que interviñeron pola súa dispoñibilidade. Tamén, por suposto, grazas aos estudantes por amosarnos o seu interese sobre as peculiaridades do Camiño Inglés”, engadiu.

 

Ao seu termo, os alumnos e alumnas de Turismo amosaron as súas inquedanzas sobre os diferentes aspectos sociais, culturais, económicos e patrimoniais que afectan ao Camiño Inglés e ao Concello de Oroso. Ademais, tralo encontro, procederon a camiñar un tramo do Camiño.