Press release

A embaixadora de España ante a Santa Sede recibe en Roma ao presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés

ReunionCelaa

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, mantivo esta mañá unha reunión de traballo en Roma coa embaixadora de España ante a Santa Sede, Isabel Celáa Diéguez. Un encontro que serviu como presentación oficial da asociación diante da embaixadora  española ante o Vaticano e no que estivo acompañado pola xerente da entidade, Cristina García; o deputado delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior da Deputación da Coruña, Antonio Leira.

Manuel Mirás explicoulle a Isabel Celáa que “Italia é un mercado moi interesante para o Camiño Inglés xa que é o segundo país de procedencia de pereginos, so por detrás de Portugal e mesmo por diante do propio mercado británico que estamos tentando de potenciar dende a Asociación co apoio da Deputación da Coruña”. Por iso, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés aproveitou para presentarlle os obxectivos da entidade e as características principais desta ruta xacobea.

“O obxectivo tanto da reunión de hoxe con Isabel Celáa, como a de mañá martes co embaixador español en Italia, Alfonso Dastis, é que os máximos representantes de España en Italia coñezan as características do Camiño Inglés e saiban que a Asociación de Concellos do Camiño Inglés é o interlocutor válido á hora de tratar calquera cuestión que afecte a esta ruta xacobea”.

Ademais de facerlle entrega de material informativo sobre o Camiño Inglés, Manuel Mirás agasallou a Isabel Celáa cunha figura de Sargadelos que representaba a un peregrino. A recepción tivo lugar no despacho da embaixadora na Embaixada de España ante a Santa Sede, na Praza de España.