IV Concurso de Fotografía Dixital O Camiño Inglés

OBXECTO DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DIXITAL O CAMIÑO INGLÉS

Tralo éxito acadado nas anteriores tres edicións, no ano 2024 se vai celebrar o IV Concurso de Fotografía Dixital O Camiño Inglés. A través deste concurso preténdese aumentar a visibilidade e a posta en valor de todos os bens (patrimoniais, paisaxísticos, etnográficos, gastronómicos, culturais, etc.) presentes no percorrido do Camiño Inglés dende calquera dos seus dous puntos de inicio en Galicia, A Coruña e Ferrol, ata o seu remate en Santiago de Compostela. Por este motivo, e co ánimo de facilitar o máximo acceso posible a todo tipo de usuarios, as fotografías presentaranse por correo electrónico na dirección info@caminoingles.gal e serán, posteriormente, publicadas nas páxinas das redes sociais da The Association of Local Councils of the Camino Inglés:

Facebook (https://www.facebook.com/caminoinglesoficial/)

Instagram (https://instagram.com/camino_ingles_oficial/).

Dita publicación por parte dos administradores da páxina significará a súa inclusión no concurso e a aceptación por parte das dúas partes das bases reguladoras do IV Concurso de Fotografía Dixital O Camiño Inglés. Este concurso está promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Tamén se publicarán na páxina web www.caminoingles.gal.

Co ánimo de fomentar a participación do maior número de persoas, seleccionaranse para participar na fase final as catro (4) imaxes que máis reaccións positivas xeren (contabilizando conxuntamente os “gústame” tanto en Facebook como en Instagram), que pasarán a unha segunda fase xunto coas outras doce (12) fotografías elixidas mediante un xurado avaliador, ata un total de dezaseis (16). O xurado, composto por un membro da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e dous profesionais da imaxe, elixirán as tres mellores fotos baseándose en criterios de puntuación relacionados coa calidade artística da imaxe, a creatividade, o seu significado, etc.

Os resultados serán publicados nas páxinas de Facebook e Instagram da asociación organizadora e, de seren posible, en medios de comunicación. A fotografía gañadora do concurso será utilizada como fotografía de portada da páxina de Facebook da organización do certame durante un período non inferior a un mes, podendo calquera das fotografías participantes ser empregada sen ánimo de lucro en ditas páxinas ou calquera outro soporte da asociación promotora.

As fotografías seleccionadas para a final serán expostas ao público co seu título, autor e localización en soporte físico nos distintos concellos do Camiño Inglés que así o soliciten. Todas as fotografías participantes poderán ser utilizadas pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés para fins divulgativos.

A única restrición para presentar fotografías será que nelas quede identificado claramente o Camiño Inglés, valorándose así mesmo a calidade artística e que se recoñezan os lugares nos foi tomada, xa que o obxectivo principal do concurso é o de profundar no coñecemento do Camiño Inglés por parte do público en xeral.

BASES CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DIXITAL O CAMIÑO INGLÉS

1. Poderán concorrer a este concurso todas as persoas que o desexen, sexan profesionais ou afeccionados, sempre que os traballos se axusten a estas bases.

2. As fotografías deberán ser presentadas en formato dixital mediante o seu envío á dirección de correo info@caminoingles.gal. Deberán ser necesariamente orixinais e inéditas, podendo ser realizadas en calquera momento do ano, na actualidade ou con anterioridade á data presente. Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías. O contido das mesmas estará relacionado co Camiño Inglés, debendo indicar o lugar no que foron tomadas. As fotografías deberán ser propiedade da persoa (autor/a) que as presente ao certame.

3. O prazo de presentación de fotografías será ata o 27 de maio de 2024 ás 23.59h.

4. Para que unha fotografía sexa aceptada no concurso, deberá ser publicada na páxina de Facebook. Así mesmo, responderase a través de correo electrónico que dita imaxe foi aceptada. Unha vez aceptada, a organización do concurso pode utilizar as fotografías con fins divulgativos e expositivos, mais nunca con fins lucrativos.

5. As fotografías deberán incluír un título e localización da obra (lugar e concello no que foi tomada), nome e apelidos do autor/a, DNI da persoa participante, domicilio e teléfono de contacto, correo electrónico e perfil/ís de redes sociais para poder ser etiquetadas unha vez se publiquen nos perfís da organización.

6. A participación no concurso implica a aceptación destas bases, e a persoa autora das fotografías autoriza a súa publicación, exposición e edicións que teñan lugar por parte do promotor do concurso, utilizadas sempre con fins non lucrativos.

7. O xurado seleccionará dezaseis (16) fotografías que serán expostas ao público en soporte físico nos distintos concellos do Camiño Inglés que así o soliciten.

8. Os premios serán informados aos participantes por correo electrónico e mediante chamada telefónica. Os premios consistirán en bonos a cambiar en diferentes establecementos de aloxamento e restauración do Camiño Inglés, nomeadamente os que están incluídos na Rede Stelar, a rede de excelencia e atención ao peregrino no Camiño Inglés promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, valorados en:

– 1º premio: bono por valor de 150€

– 2º premio: bono por valor de 100 €

– 3º premio: bono por valor de 50€

Os bonos deberán ser desfrutados antes do 31 de decembro de 2024.

9. O xurado será designado polas Asociación organizadora do concurso e estará composto por un membro da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e dous profesionais da imaxe, que elixirán, unha vez rematado o prazo de presentación das imaxes (20 de maio) as tres mellores fotos baseadas nuns criterios de puntuación relacionados coa calidade artística da imaxe, a creatividade, o seu significado, etc. O fallo do xurado farase público o 10 de xuño de 2024, e comunicarán o seu veredicto ás persoas gañadoras mediante chamada telefónica e correo electrónico.

10. A Asociación de Concellos do Camiño Inglés entregará os premios durante a feira “Primavera no Camiño” que se vai celebrar o sábado 22 de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez de A Coruña. As persoas premiadas comprométense a recoller os premios no acto de entrega de dos mesmos. En casos excepcionais, como que as persoas premiadas sexan de puntos fóra de Galicia, nacionais ou internacionais, e/ou por motivos xustificados non poidan asistir ao acto, entregaráselles o premio igualmente, sendo obriga cambiar o bono no territorio e na rede de establecementos de aloxamento e hostalería “Rede Stelar” do Camiño Inglés, sempre antes do 31 de decembro de 2024.

Deja una respuesta

Your email address will not be published. Los campos obligatorios están marcados con *