Press release

Oroso acollerá a edición de 2022 de Primavera no Camiño, que renderá homenaxe a José Santiso Miramontes como impulsor do “Life Water Way”

Así o comunicou o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés durante a asemblea xeral da entidade, celebrada en Mariñán

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés homenaxeará a José Santiso Miramontes, alcalde de Abegondo, no marco da edición de 2022 de Primavera no Camiño, que terá lugar no concello de Oroso o sábado 4 de xuño. Así o anunciou o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, durante a asemblea xeral da entidade, que tivo lugar o pasado venres no pazo de Mariñán.

Manuel Mirás destacou que esta homenaxe “é un premio moi merecido por todo o traballo que fixo José Antonio Santiso para dotar dunha rede de 28 fontes de auga potable no Camiño Inglés”. Pola súa banda, Santiso agradeceu á asociación a concesión desta distinción “que vén a recoñecer o labor levado a cabo desde o Concello de Abegondo, como promotor da iniciativa” e que supón “darlle servizo non só aos peregrinos que elixen o Camiño Inglés para chegar a Santiago, senón tamén aos propios veciños e veciñas destes concellos”.

Oproxecto Life Water Way supuxo un investimento de máis de 973.00 euros, dos que 370.000 euros foron financiados por fondos europeos. Os 603.000 euros restantes foron achegados pola Deputación da Coruña, Augas de Galicia, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.

As 28 fontes contan cun innovador sistema de potabilización de auga a través de luz  ultravioleta e filtración. Están emprazadas nos municipios de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela. Catro destas construcións (Abegondo, Carral, Ordes e Mesía) aproveitan a auga dos mananciais subterráneos, mentres que nos 24 restantes abastécense da rede de cada municipio.

José Antonio Santiso une o seu nome aos dos homenaxeados nas últimas edicións de Primavera no Camiño: Carlos Pita, ex alcalde de Neda (2021), José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro, cronista oficial de Betanzos, Miño e Paderne (2019) ou Manuel Pérez Crueiro, bibliotecario de Neda (2018). En 2020 non se celebrou Primavera no Camiño por mor da pandemia da Covid-19.

Oroso sede de Primavera no Camiño


Mirás Franqueira aproveitou a asemblea para anunciar que a edición de 2022 de Primavera no Camiño terá lugar no Concello de Oroso, inicialmente o sábado 4 de xuño. Un anuncio que fixo diante do alcalde orosán, Luís Rey Villaverde, e o concelleiro de Turismo, Antonio Leira. Así mesmo, Manuel Mirás aproveitou para convidar ao resto de municipios a que soliciten ser sede deste evento, un dos máis importantes na promoción da asociación e os seus asociados.

A praza de Armas Ferrol acolleu a edición de 2021 de Primavera no Camiño, na que a pesar das restricións sanitarias se deron cita máis de 2.000 persoas. A iniciativa, organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña, busca poñer en valor os numerosos atractivos que presenta o Camiño Inglés a nivel patrimonial, cultural, paisaxístico e gastronómico a través de exposicións, obradoiros, showcookings, música e presentacións nun recinto feiral.