Press release

A sede de Afundación en Santiago acolle ata o 29 de abril unha mostra que recolle a visión artística de dúas ilustradoras sobre o Camiño Inglés

Nava  Castro, acompañada da comisaria do Xacobeo e do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, participaron na inauguración da mostra, que permanecerá aberta ata o 29 de abril

A sede de Afundación acolle desde esta mañá e ata o vindeiro 29 de abril a mostra “O debuxo é o Camiño. O Camiño Inglés”, unha exposición que nace do Camiño percorrido pola ilustradora catalá Maru Godás e a irlandesa Róisín Curé, que no verán pasado contaron a súa experiencia no Camiño Inglés a través das súas ilustracións e redes sociais.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da Comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira; a comisaria da mostra Gemma Sesar; a coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores Fernández; e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, participaron na inauguración da exposición que xurde con carácter itinerante, co obxectivo de percorrer o Camiño Inglés retratando deste xeito este itinerario a través das 25 ilustracións que compoñen a mostra, montadas en telas de alta calidade e que se mostrará en 22 caixas de luz de dobre cara, o que permitirá resaltar a calidade das imaxes.

Na súa intervención, Nava Castro, puxo en valor esta nova actuación, no marco do programa do Xacobeo21-22, e que se encadra dentro da iniciativa de Cadernos de Viaxe que se celebrou o ano pasado co obxectivo de achegar a diferentes artistas con distintos estilos ao Camiño de Santiago. “Debuxo e Camiño volven darse a man nesta mostra, financiada integramente por Turismo de Galicia, e que agora podemos ver tan excelentemente expostas, afondando así na experiencia e na mirada que as ilustradoras obtiveron da súa experiencia como peregrinas”, afirmou.

Satisfacción do peregrino


Pola súa banda, Manuel Mirás, asegurou que “como namorado que son do Camiño Inglés, teño que admitir que nun principio me sorprendeu moito volver a descubrir certos lugares do Camiño a través dos pinceis de Roisín e Maru. Pero o que máis me gustou foi a súa forma de falar desa experiencia, do Camiño, da súas paisaxes, da súa gastronomía e, sobre todo, das súas xentes”.

Mirás explicou que “iso é, precisamente, o que busca a Asociación do Camiño Inglés: que a xente que nos visite nese dobre Ano Santo desfrute tanto desta experiencia, que se convertan nos mellores embaixadores do Camiño aló onde vaian. E creo que tanto Roisín como Maru serán unhas magníficas embaixadoras do Camiño Inglés”.