O CAMIÑO INGLÉS RECIBE O PREMIO AO ‘MELLOR PROXECTO COLABORATIVO’ DA AXENCIA PILGRIM

O seu presidente, Manuel Mirás, foi o encargado de recoller o galardón a máns do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo G. Pardal.  O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, recolleu onte o premio ao “Mellor Proxecto Colaborativo” na entrega dos galardóns da Axencia Pilgrim. 

O acto, que tivo lugar na sede da empresa situado na Casa da Auga en A Coruña, contou coa presenza da directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, do CEO da empresa, Roberto Fraga, xunto ao presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo G. Pardal. 

Estes galardóns da Axencia Pilgrim poñen en valor o labor das organizacións, asociacións e empresas do sector turístico galego no eido da peregrinación a Compostela, destacando a súa contribución á excelencia e a calidade no seus servizos.  No acto tamén foron galardoados Paradores, Ecoembes, Casa Beatnik, Correos e A Quinta da Auga, entre outros. 

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés ve recoñecido con este premio o seu traballo a prol da promoción dos recursos patrimoniais vinculados ao Camiño, tanto artísticos como culturais, paisaxísticos ou enogastronómicos, xunto a salvagarda dos valores esenciais do Camiño e a peregrinación, así como o coidado e atención axeitada ao peregrino. Constituída no ano 2019, a Asociación que preside Manuel Mirás está integrada na actualidade por 16 concellos: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.    

Queremos agradecer a Pilgrim o recoñecemento outorgado á Asociación de Concellos do Camiño Inglés co premio ao “Mellor Proxecto Colaborativo”. Este premio enchenos de ledicia e anímanos a seguir traballando para mellorar e promocionar o Camiño Inglés como unha ruta de peregrinación única e especial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *