O CAMIÑO INGLÉS PROMOCIONA A RUTA EN CANADÁ

O presidente de honra da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, coa asistencia técnica da Deputación de A Coruña, promociona con varios actos o Camiño Inglés en Canadá, logo da invitación recibida a finais do 2023 por parte da Canadian Company of Pilgrims, entidade que aglutina aos peregrinos daquel país e que conta con máis de 8.000 membros. “A viaxe está a ser un éxito en canto a afluencia e interese demostrado polas persoas asistentes, cun elevado nivel de coñecemento do Camiño Inglés”, explica Mirás Franqueira.

Fixéronse presentacións nas localidades de Victoria, onde asistiron máis de 200 persoas; Calgary, cunha temperatura exterior de -21ºC, pero que aínda así congregou moita xente; London, xa máis preto da costa este, e Toronto, onde asistiu tamén o cónsul xeral da embaixada de España en Canadá, Francisco de Asís Benítez.

“Moitas das persoas que asistiron xa eran coñecedoras da existencia da ruta, pero tanto elas como as que a descoñecían tomaron boa nota da opción, xa que lles permite obter a compostela logo de andar 25 km no propio país, nos tramos que xa foron recoñecidos por parte da Oficina do Peregrino coincidindo con esta xira, e continuar cara a Santiago de Compostela desde A Coruña, completando deste xeito os 100 km necesarios”, engade o presidente de honra da asociación.

A presentación do Camiño Inglés en Canadá, feita con infografías, fotos e vídeos, pero por riba de todo co propio mapa/folleto deseñado e editado pola Asociación, causou unha enorme aceptación entre os centos de peregrinos en potencia que se achegaron aos diversos centros. Os asistentes formularon varias preguntas relacionados coa ruta histórica, e incluso algúns cambiaron de plan para realizar este año o Camiño Inglés.

A cidade de Toronto foi o punto e final desta “mini xira” canadiana, mais punto inicial da irlandesa, posto que o vindeiro venres presentarase o novo folleto en Dublín, no que se inclúe o coñecido como Camiño Celta, discorrendo por terras irlandesas, como inicio do trazado nese país. A dita presentación confirmou a súa asistencia o embaixador de España en Irlanda, Ion de la Riva Guzmán de Frutos.

Escribe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *