Recomendacións

Roupa e equipamento para o teu Camiño

Antes de comezar a viaxe cara a Santiago asegúrate de levar contigo todo o preciso para completar o Camiño Inglés sen sorpresas e sen botar nada en falta, tampouco que sobre. Un exceso de peso na equipaxe pode ser contraproducente para a experiencia no Camiño.

Scroll

Que equipaxe tes que levar para facer o Camiño Inglés? Aquí unha serie de recomendacións para unha mochila adecuada á comodidade da peregrina e do peregrino. Son só recomendacións, xa que cadaquén o roteiro ao seu xeito.

As nosas recomendacións: debes escoller ben que é o imprescindible co mínimo peso posible. Tres mudas de calcetíns, roupa interior e camiseta técnica; un pantalón desmontable e outro curto ou mallas e un suadoiro ou cortaventos; remata con calzado cómodo e unhas sandalias. A roupa técnica é unha boa solución para lavar e secar rapidamente nos aloxamentos. Non precisas máis roupa. Non leves equipamento de máis, esquece os “por se acaso”.

Recorda que para todo o que é accesorio atoparemos tendas e farmacias ao longo do Camiño Inglés.

qué mochila llevar al camino

O máis básico

Roupa técnica: de ‘trekking’ ou sendeirismo, feita de materiais transpirables e de secado rápido, de forma que a poidamos lavar todos os días se é necesario. Tres camisetas, un pantalón desmontable e outro curto, unha chaqueta lixeira, tres pezas de roupa interior e calcetíns. Podes incluír un pantalón interior de lycra para evitar as rozaduras.

Calzado adecuado: Cremos que o calzado ideal é aquel que se adapta a cada peregrina/o. En base á nosa experiencia un calzado axeitado é o baixo de sendeirismo, xusto por debaixo do nocello e transpirable para manter sempre os pés secos. Pero cada peregrina e peregrino é un mundo. Dependendo dos teus costumes podes levar botas, sandalias con calcetíns, deportivas,… o importante é que sexa calzado cómodo, xa usado durante uns meses e que contes cunhas chancletas, para descansar os pés ao rematar de camiñar.

Mochila sendeirismo: Que sexa axustable e a poder ser impermeable e transpirable xusto na parte en contacto co lombo. A capacidade óptima é duns 30-40 litros e desta maneira camiñarás lixeiro. Ten en conta que canto maior sexa, máis “por se acaso” levarás contigo.

Material adicional: Entre o máis imprescindible sempre debe estar un sombreiro ou gorra, saco de durmir, bastóns de ‘trekking’ e unha botica co básico para o tratamento das ampolas e algo de antiinflamatorio en pastillas e/ou en crema. Non esquezas o cargador do móbil.

Roupa

A roupa debe ser pouca e lixeira. Dúas mudas para andar e outra para despois da ducha é suficiente. En épocas de calor, as camisetas técnicas de verán son mellor que as clásicas camisetas de algodón, pois son moi lixeiras, transpirables e non reteñen a humidade.

Convén que os pantalóns sexan dos que teñen cremalleira na perna para retirar a parte de abaixo en caso de calor. Deben de ser de material lixeiro e que seque rápido.

Os calcetíns deben de ser especiais para ‘trekking’, sen costuras, de máxima comodidade e que sequen rápido. Evitarás ampolas con este tipo de calcetíns.

Hai que levar un pequeno bote de xabón para lavar a roupa xa que é suficiente no caso do Camiño Inglés. Podes levar pinzas da roupa para colgala nos albergues ou para levar ao aire prendida na mochila (ou mellor con imperdibles que ocupan menos e fan a mesma función). Recorda que a maioría dos albergues contan con lavadora e secadora.

Segundo a tempada convirá estar preparado con luvas, un gorro para o frío, un chuvasqueiro, etc. Nunca deberá de faltar un gorro ou gorra para protexerse do sol, tanto no inverno como no verán. No inverno é necesario levar roupa de abrigo como unha chaqueta polar.

En caso de choiva, o máis aconsellable é levar un chuvasqueiro ata a cintura e uns pantalóns impermeables. O equipo complétase cun protector tamén impermeable para a mochila. Outra opción é levar un poncho completo pero non é tan cómodo xa que co vento estamos máis expostos á choiva.

Para o sol é imprescindible levar unha gorra con viseira e crema de protección solar. Completa a equipaxe con gafas de sol.

Para a ducha: Chancletas, unha pequena toalla de secado rápido e os produtos hixiénicos necesarios.

Calzado

Calzado de sendeirismo que sexa transpirable para manter os pés o máis secos posible, un problema a ter en conta nos meses de máis calor, para o cal é recomendable cambiar de calcetíns cada certas horas. É imprescindible que xa fose usado previamente, nunca vaias de estreo co calzado comezando o Camiño de Santiago. Recomendámosche tamén que o calzado sexa un pouco máis grande do número habitual xa que os pés tenden a inchar co calor ou o esforzo.

Chancletas, para descansar os pés cando terminemos as etapas e que ademais nos servirán para ducharnos, mantendo os nosos pés a salvo de posibles fungos.

Para finalizar este apartado, convén mencionar as botas altas de sendeirismo ou de montaña: hai quen as prefire e hai quen prefire as zapatillas de montaña, máis lixeiras. Cuestión de gustos.

Documentación e cartos

  • DNI/Pasaporte.
  • Tarxeta de banco ou precargada.
  • Cartos en efectivo.
  • Seguro médico (estranxeiro se é o caso).
  • Credencial de peregrina/o.

Fai unha previsión do efectivo que precisas para 2-3 etapas e despois conta cos caixeiros que hai polo camiño. Mellor billetes pequenos e moedas para ter cambio. Ten en conta que nos albergues públicos non se pode pagar con tarxeta e nalgúns outros establecementos tampouco teñen ese servizo.

Hixiene e Saúde

O ideal sería levar os produtos básicos no formato máis pequeno posible:

  • Xabón líquido que sirva tamén para o pelo e a roupa.
  • Panos de papel e papel hixiénico (o indispensable, teremos opción de compralos en ruta).
  • Toalla lixeira preferiblemente de microfibra xa que son moi lixeiras, ocupan pouco e ademais secan facilmente).
  • Crema solar de factor alto de protección.
  • Caixa de primeiros auxilios soamente co indispensable, pois hainas nos albergues e moitas poboacións teñen farmacia.
  • Apósitos adhesivos, esparadrapo, gasas …
  • Tesoiras, pinzas, agullas hipodérmicas …
  • Antiséptico (coma Betadine) e analxésicos (aspirinas, paracetamol …) e antiinflamatorios.

Accesorios que nos poden vir ben

Navalla multiusos. Debe ser o máis pequena e lixeira posible.

Unha pequena lanterna ou frontal para movernos de noite no albergue. Hoxe en día co móbil xa solucionamos parte da necesidade.

Pinzas para tender a roupa e imperdibles para colgala da mochila.

Leva sempre contigo algo de comida como barras enerxéticas, froita deshidratada, froitos secos… Sempre nos axudarán a recuperar enerxía rápido no caso de necesitalo. Non cargues con botellas de auga moi grandes. Con medio litro ou 750 ml tes suficiente para levala facilmente na man.

Funda de almofada. Aconsellable se imos durmir en albergues.

Enchufe ladrón ou cargador de varios portos para móbil, cámara, batería externa…