Etapas

O Camiño Inglés no Reino Unido

Estes territorios albergan rutas históricas que os peregrinos poden percorrer camiño de Santiago de Compostela.

As peregrinacións forman parte da historia de Gran Bretaña dende a antigüidade. Os camiños pagáns convertéronse en viaxes relixiosas co cristianismo e o descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago fixo de Santiago de Compostela un destino anhelado entre os devotos e intrépidos peregrinos medievais. A tradición rematou drasticamente no século XVI cando Enrique VIII prohibiu a peregrinación. Hoxe, Gran Bretaña asiste a un rexurdimento da peregrinación e están a recuperarse moitas rutas, incluídas as que seguiron no pasado os peregrinos que viaxaban aos portos do este, sur e oeste desde onde os barcos partían cara a Santiago.

Este é o caso do Finchale Camino Inglés, que parte do Priorado de Finchale no condado de Durham, lugar onde se atopa a ermida de St Godric, o primeiro peregrino inglés a Santiago do que se ten coñecemento. Punto de encontro dos peregrinos que chegaban a Gran Bretaña cruzando o Mar do Norte, Finchale considérase hoxe en día o punto de partida oficial do Camiño Inglés en Inglaterra. O camiño segue a medrar cada ano cara ao sur, dirixíndose a Reading, centro do culto a Santiago en Inglaterra na Idade Media. Reading é tamén o punto de partida do St James’ Way, tamén sinalizado ca cuncha de vieira e a frecha amarela cara ao seu final na cidade portuaria de Southampton.

Mais estes non son os únicos Camiños que podes percorrer en Gran Bretaña. Ca finalidade de axudarte a comezar a ruta a Santiago preto da casa e revivir a historia británica da peregrinación, a Confraternity of St James  – a asociación de fala inglesa máis grande e antiga de peregrinos – concedeu significado xacobeo ás seguintes rutas nas que poderás atopar selos para a túa credencial oficial do Camiño de Santiago. A distancia percorrida en Reino Unido – un mínimo de 25 km – tamén suma para completar os 100 km necesarios para obter a Compostela cando inicies o teu Camiño Inglés en territorio galego, na cidade de A Coruña.