Que facer?

Entretemento no Camiño Inglés

Que podemos facer durante o Camiño Inglés? Ao longo da túa viaxe poderás atopar múltiples e variadas ofertas culturais e de ocio.

Scroll

Os eventos e entretemento dos camiños que nos levan a Santiago de Compostela salpican os municipios coas súas pequenas aldeas, sempre dispostas a facilitar o traxecto aos peregrinos que se aventuran por estas terras.

Aquí presentamos as festas dos municipios que van conformando o Camiño Inglés, que co paso do tempo fanse máis populares entre os viaxeiros que o percorren cada ano e que visitan estas terras de paisaxes naturais xornada tras xornada, facéndolles o camiño máis ameno. Este roteiro significa un gran impulso social, económico e cultural no territorio que o conforma.

O verán é un momento ideal para vivir estas festas e eventos xa que, aínda que o tempo ás veces é cambiante, a maioría de días adoitan ser asollados e as noites moi agradables, perfectas para gozar e coñecer as tradicións culturais e gastronómicas de cada pobo.

A maioría das aldeas e pobos galegos celebran aos seus santos patróns nesta época do ano, polo que é a oportunidade perfecta para saborear a mellor comida local, gozar da música e da alegría que se respira. Aquí deixámosche unha selección das festas tradicionais que atoparás se estás a facer o Camiño de Santiago.

Lembra antes de saír consultar se están vixentes. En tempos de Covid todo cambia.

Festas no camiño

A Coruña

San Xoán: Festa de Interese Turístico Internacional especialmente querida polos coruñeses para celebrar o solsticio de verán. Aínda que principalmente celébrase na noite do 23 ao 24 de xuño, os actos prolónganse varios días. A cidade enteira bótase á rúa e hai fogueiras en todos os barrios, pero a maioría da xente o celebra nas praias de Riazor e do Orzán.

Festas de María Pita e Noroeste Pop Rock: A cidade homenaxea durante todo o mes de agosto á heroína local a través dun programa de festexos moi extenso: actuacións musicais, actividades de lecer, teatro cómico, salón do cómic, feira de artesanía, do libro… Cabe destacar os concertos gratuítos incluídos dentro do cartel Noroeste Pop Rock con parte do mellor da escena independente nacional que asolagan as rúas de sons eclécticos de pop, rock, indie, vangarda, folk, fusión, hip hop, punk, etc.

Entroidos: Celébrase en febreiro (ou marzo). As rúas da cidade énchense de música, choqueiros e comparsas. Ademais, en moitos dos restaurantes da cidade, poderás gozar da comida típica desta época: lacón con grelos, filloas, orellas, entroutros manxares.

Tapas Picadillo: O Concurso de Tapas Picadillo adoita celebrarse durante o mes de setembro. A través dun roteiro por unha gran parte dos locais da cidade poderás degustar unhas marabillosas tapas nas que conflúen a innovación, a tradición, a creatividade e a exaltación das materias primas. Pequenos bocados gastronómicos que fan as delicias dos padais.

Festas no camiño

Abegondo

Romería das Cereixas: En Vilacova, tramo de Ferrol dentro do Roteiro dos Amilladoiros. A Romaría das Cereixas ten lugar o primeiro domingo do mes de xullo na parroquia, con varias misas ao longo da mañá na honra de San Paio. Esta romaría é unha celebración relixiosa centenaria no concello, que trae ata o val a devotos de toda a comarca das Mariñas. San Paio disque é moi avogoso para as doenzas de ósos e para o mal dos peitos das mulleres. Os ofrecidos poñen aos pés do santo exvotos de cera que representan a parte do corpo que necesitan curar. Durante máis dunha década, a comisión organizadora da romaría encárgase de repartir cereixas entre as persoas que se achegan á vila.

Romería da Virxe dos Remedios: No tramo da Coruña, parroquia de Sarandós. A Romaría da Virxe dos Remedios celébrase o cuarto domingo do mes de setembro na parroquia de Sarandós, con misas ao longo de toda a mañá. A Virxe dos Remedios ten fama de ser unha santa moi milagrosa, e ese renome traspasou pronto os límites da comarca das Mariñas. No principio das escaleiras que dan acceso ao templo parroquial atopamos a Fonte da Santa. Segundo os devotos, a auga que mana dela ten propiedades curativas para un gran número de doenzas do corpo e da alma. A tradición esixe que os romeiros, despois de rogarlle á Virxe, queden a comer nos campos que hai nas inmediacións do santuario.

Roteiro Cultural dos Amilladoiros: Ruta que os peregrinos atopan na parroquia de Leiro e sen afastarse do Camiño Inglés (retoman á altura do Encoro de Beche). Na mesma poden experimentar e participar da homenaxe que fai esta senda aos amilladoiros, elementos patrimoniais de pedra que acumulaban os peregrinos. Precisamente, pola súa relevancia histórica, a Xunta de Galicia cualificouna como ruta cultural, xa que alberga no seu trazado bens patrimoniais e espazos naturais de relevancia para a zona, como é o caso da capela e a fonte de San Paio.

Festas no camiño

Betanzos

Festas Patronais de San Roque: O 16 de agosto é un día grande para Galicia xa que en moitas das súas vilas celébrase a festividade de San Roque, como é o caso de Betanzos, cuxas festas están declaradas de Interese Turístico Nacional. O evento mais destacable é sen dúbida a solta do tradicional Globo de San Roque durante a noite do patrón, un gran aerostato de papel que atravesa o ceo betanceiro. De grande interese son tamén os Caneiros, un paseo fluvial polo río Mandeo, que se enche de barcas engalanadas que transportan aos romeiros río arriba para gozar no campo dunha festa que dura todo o día.

Semana da Tortilla: Desde 2007 vense celebrando este evento que pretende promocionar e homenaxear ao prato estrela da gastronomía betanceira: a tortilla. Durante esta semana numerosos locais de hostalería compiten para elixir quen elabora mellor esta delicia. O gañador deste famoso concurso representa a Betanzos no certame nacional de tortilla de patacas, un evento no que esta pequena localidade resultou gañadora en varias edicións.

Semana do Pincho: A hostalería betanceira mostra o seu bo facer, a súa innovación e o seu traballo neste certame que se celebra a principios do mes de decembro. É unha boa maneira de coñecer diferentes propostas gastronómicas da localidade.

Feira Medieval: Ten lugar no segundo domingo do mes de xullo e supón unha divertida volta atrás no tempo. Durante esas datas todo o casco antigo convértese nunha auténtica cidade medieval chea de postos de artesanía, onde se celebran actividades da época e unha gran variedade de actuacións musicais e teatrais.

Balconadas: No ano 1988 desenvolveuse en Betanzos a I Bienal de Pintura Balconadas. Desde o principio, esta actividade, que converte a cidade nunha sala de exposicións, supuxo unha maneira de achegar a arte pictórica á xente. Co obxectivo de fundir a pintura e a arquitectura, cada ano celébrase en Betanzos a Bienal de Pintura Balconadas.

Festas no camiño

Cabanas

A Fía da La: Esta mostra pretende poñer en valor a produción artesanal e o traballo de fiado grazas á labor da Asociación de Mulleres Rurais. Este evento supón un punto de encontro no que aprender e compartir coñecementos sobre o proceso de preparación, lavado e fiado tradicional até o produto final.

Romaría de Santa Marta (29 de xullo): Se ese día coincide en sábado ou domingo, celebrarase esa misma fin de semana. Se coincide por semana, farase durante a fin de semana seguinte. É unha das principais festas da comarca con variadas actividades para todos os públicos.

Festas no camiño

Carral

Festa do Pan de Carral: Celébrase nunha fin de semana de maio promocionando o principal produto gastronómico de Carral, que tamén é recoñecido en toda Galicia. Os festexos consisten na venda de produtos relacionados co pan, actuacións musicais, atraccións recreativas, obradoiros para nenos e diversas actuacións e eventos artísticos e recreativos para todas as idades.

Festa da Empanada e do Folclore Galego: Lévase a cabo a principios do mes de setembro durante unha tarde das festas patronais de Carral. Diversas panaderías de Carral venden este produto no Campo da Feira á vez que actúan grupos folclóricos. Esta festa vai camiño de cumprir 50 edicións.

Festas do Socorro: Son as festas patronais de Carral, dedicadas á Virxe do Socorro (8 de setembro). Son as máis concurridas das festas parroquiais do municipio e presenta sempre a grandes orquestras, atraccións e actividades culturais. Os festexos péchanse coa Queima do Panteón, que é unha gran sesión de fogos de artificio con fama en toda a comarca.

Festas no camiño

Fene

Romaría do Pote: Trátase dunha das romarías pioneiras en Galicia que se ven celebrando dende 1933. Ten unha particularidade que a diferencia do resto, o seu carácter laico. As merendas son outra das curiosidades desta romaría nas que, durante as tardes anteriores á festa, os mozos da zona comezan a construír con toxos e outras plantas, cabanas nas inmediacións do local de O Pote, preparándose para o gran día.

Festa Mariñeira: Esta festa é a perfecta oportunidade para degustar os mellores produtos da ría.

Ten lugar no mes de setembro, no peirao de Barallobre, onde se citan as mellores asociacións do municipio para cociñar as delicias do noso mar.

 

Felipop: A parroquia de Lemondre celebra no mes de agosto este festival, que acolle proxectos musicais e artísticos herdeiros da psicodelia, do power pop e da música dos anos 60 e 70.

Encontro de Lavandeiras: Esta celebración, que ten lugar no mes de maio, rende homenaxe ás antigas lavandeiras e revive o lavado tradicional do século XIX na parroquia de Sillobre.

Festas no camiño

Ferrol

Semana Santa: A tradición da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional en 2014, remóntase ao século XVIII. Durante nove días na cidade sucédense máis dunha vintena de procesións, actos litúrxicos das cofradías, exposicións e eventos culturais que atraen a milleiros de visitantes cada ano.

Festa das Pepitas: As protagonistas desta celebración son as rondallas, bandas de instrumentos de corda que visten traxes similares aos dos tunos e que percorren as rúas da cidade cantándolles ás mulleres ferrolás ata chegar á praza de Amboaxe, onde continúan a festa.

Día de San Xiao: Ferrol festexa o día do seu patrón cada 7 de xaneiro coa celebración de diferentes actos, entre os que destaca a misa na concatedral de San Xiao ou a posterior degustación do arroz con leite, un prato típico ferrolán.

Evento dos artistas das Meninas: A primeira fin de semana de setembro os ferroláns exaltan o seu arte urbano a través das coñecidas Meninas de Canido, no barrio do mesmo nome. A música, a gastronomía e unha ampla variedade de talleres acompañan esta celebración, na que se pintan novas Meninas e se restauran aquelas que se estragaron co paso do tempo.

Festas no camiño

Mesía

San Cristovo: Esta celebración ten lugar na parroquia de Mesía durante a segunda fin de semana de xullo. Esta parroquia dá nome ao concello aínda que a casa consistorial está en Xanceda.

A particularidade desta festa estriba na procesión de vehículos, especialmente camións, que fan un traxecto engalanados con flores e bandeiras. A xente sitúase á beira da estrada para velos e coller os doces que van tirando ao seu paso. Ao chegar á igrexa faise a oportuna bendición e logo a festa descorre coa sesión vermú e coa comida debaixo da carpa para quen queira quedar.

San Bartolomeu: Esta festa celébrase o 24 e 25 de agosto e ten a súa importancia dentro do concello, primeiro porque Xanceda é a parroquia máis céntrica do municipio, e ademáis nela está o edificio do Concello, a Casa da Cultura, o CPI… Polo tanto soe ter máis afluencia que as restantes festas parroquiais. A festa, á parte da misa e a típica verbena, ten o engadido da romaría, na que a xente vai comer no campo. Antes utilizábanse as fincas que estaban máis preto do campo da festa, pero agora moitos acoden á área recreativa da Mata, lugar onde se atopa a piscina municipal.

Foliada das Mentiras: Encontro de música e baile tradicional que se celebra a finais de agosto e principios de setembro, organizada pola asociación de música e baile tradicional de Mesía. Os grupos participantes anótanse voluntariamente e veñen de moitos concellos límítrofes e doutros que non o son tanto. O obxectivo é resaltar o valor da nosa cultura a través da música. Esta festa ten lugar na praza do concello. O público tamén participa despois das actuacións e durante as mesmas. Segundo van pasando os grupos, vanse poñendo petiscos variados, que xeralmente son doazóns de panaderias, queixerias e mesmo achegas de xente particular que colabora.

Festas no camiño

Miño

Cebola Chata:

Festa gastronómica por excelencia que se celebra durante a primeira semana de agosto, e que ten como obxectivo principal a posta en valor dun produto local moi valorado no mercado galego. Ademáis do protagonista, tamén se enxalzan a gran variedade de produtos da horta galega.

Ao longo da xornada lévanse a cabo un variado abano de actividades dirixidas a todos os públicos, entre as que destacan a demostración de oficios tradicionais, a música e a animación ou os postos de comida variada.

Romaría de San Ramón:

Celébrase cada 31 de agosto en Bra, na parroquia de Sombreu, sendo a festa campestre máis importante do municipio, á que se lle atribúen máis de 150 anos de historia. O momento máis esperado é coñecido como posta do santo, da que cada ano encárgase un veciño que debe recitar unha oración tradicional, a cal se transmite de pais a fillos.

Tralos actos relixiosos, dá comezo a sesión vermú amenizada con música e a tradicional comida campestre.

Festa de San Pedro:

As celebracións dedicadas a San Pedro, patrón de Miño, teñen unha duración aproximada de 4 días, sendo o 28 e 29 de xuño os días máis grandes.

Nestas festas conviven os actos litúrxicos coa animación, nas que a música, os pasarrúas e as verbenas, son algunhas das propostas que congregan á multitude de veciños cada ano. O último día despídese a festa cun espectáculo de fogos artificiais.

Festa do Carmen:

O 15 de xullo as festas comezan cunha procesión coa imaxe da Virxe, que parte da igrexa parroquial de Santa María ata o porto, onde se oficia unha misa cantada. A continuación unha coroa de loureiro é lanzada á auga en memoria dos mariñeiros falecidos no mar. Unha vez finalizada o cerimonial, a imaxe da Virxe é levada en procesión de volta ata a igrexa, para dar comezo a sesión vermú amenizada con música.

Festas no camiño

Narón

Festa do Pemento do Couto: Desde o ano 2010 o pemento do Couto ten recoñecida unha indicación xeográfica protexida, xa que é toda unha exquisitez culinaria. Por iso, cada mes de xullo reúnense anualmente centos de persoas na contorna de A Picota, na parroquia de O Couto, para participar nos actos que se programan con motivo da celebración gastronómica da festa do pemento do Couto. Ten incluso unha Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, que xoga un papel fundamental neste evento.

Os Maios: En numerosas localidades galegas celébrase a chegada da primavera coa festa pagá dos Maios. Tamén o fai a veciñanza naronesa, quen elabora as súas propias construcións ou maios, con flores, vexetación, froitas e elementos artesanais. Habitualmente empréganse estruturas cónicas ou piramidais, aínda que a creatividade invade a produción destas estruturas, na súa maioría móbiles, para facilitar o seu transporte e “procesión” con cánticos populares.

Oenach Atlántico: Declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia no ano 2014, o Oenach Atlántico recrea no mes de agosto o modo de vida dos celtas na Feira do Trece, en Sedes. A implicación veciñal na celebración deste evento é moi importante, elaborando as propias vestimentas e preparando con meses de antelación os obradoiros de traballo do coiro, torneado de madeira, de barro, fabricación de pan, ou a tecedura de la entroutros. Os xogos tradicionais e a música forman tamén parte da programación deste recoñecido festival.

Lendas de Pena Molexa: A veciñanza da parroquia de O Val caracterízase por representar unha peza teatral xunto ao castro de Vilasuso. Coincidindo co solsticio de verán, na noite de San Xoán, teñen a posta en escena de dúas lendas: as lendas da Pena Molexa, que recuperan os feitizos nunha noite tamén máxica. A historia e patrimonio arqueolóxico centran este evento cultural e festivo, no que non faltan as degustacións gastronómicas, a música e os xogos populares. Esta celebración compleméntase cunha serie de actos que transcorren durante varios días.

A Esfolla: En setembro, coa chegada do outono e a recollida do millo dan paso na parroquia de Doso á recreación da tradicional esfolla do maínzo. Veciñas e veciños da parroquia, con roupas do principios do século XX, rememoran aqueles tempos nos que se cultivaban grandes superficies de millo e todos se xuntaban para axudar nas tarefas da esfolla, deixando as espigas preparadas para despois coller o gran.

Festas no camiño

Neda

Festa do Pan: Declarada de Interese Turístico de Galicia, Neda celebra o primeiro domingo do mes de setembro a súa Festa do Pan. Unha cita que pon en valor o produto estrela da súa gastronomía, así como o traballo artesán da súa puxante industria panadeira. O paseo marítimo do municipio serve de escenario incomparable para unha festa emblemática que xunta tradición, gastronomía e cultura. Unha cita sen dúbida imprescindible no calendario de lecer da Comunidade.

Festas de Santa María: A vila de Neda celebra as súas tradicionais festas Patronais na honra a Santa María os días 8, 9 e 10 de setembro. A liturxia relixiosa e a verbena danse a man, especialmente nas dúas primeiras xornadas. O programa inclúe a tirada de bombas de palenque, misa na honra da patroa e sesión vermú con amenización musical, e a tradicional verbena á noite. Ademais, o terceiro e último día dedícase sempre aos máis pequenos da casa con xogos e atraccións.

Feira no Camiño: No mes de xuño, o centro histórico da localidade, paso obrigado na ruta xacobea a Compostela, dá marcha atrás ás agullas do reloxo para viaxar á época medieval e recuperar oficios artesanais, personaxes da época e o tradicional mercado. Todo isto, acompañado dunha ampla oferta de actividades culturais e unha infinidade de accións de animación ao pé da rúa.

Os luns de San Nicolás: A devoción a San Nicolás, disque avogado dos casos máis difíciles, ten en Neda unha relevancia especial que se presenta ao longo de todo o ano a través dos coñecidos como luns de San Nicolás. Fregueses procedentes de todos os puntos da comarca, acoden á igrexa que lle rende tributo e, segundo a tradición, deben encadear tres luns de peregrinaxe para conseguir o favor do santo. Repártense tamén boliños de San Nicolás ao remate da liturxia que se celebra o 6 de decembro, día da súa festividade.

Festas no camiño

Ordes

DesOrdes Creativas: Este festival celébrase cada ano en Ordes e transforma antigos espazos en desuso ou abandonados, en novos lugares cheos de vida e cor. Conta cunha gran selección de artistas do panorama galego, estatal e internacional, que converten Ordes nun gran museo público ao aire libre. Neste marco insírese tamén o Desordes Sonoras, onde se reúne a vangarda da música urbana e electrónica de Galicia e no que se realizan outros eventos como ‘live painting’, sesión vermú ou un percorrido guiado polos murais máis destacados da vila.

Festa do Champiñón: Acontecemento gastronómico que se celebra cada ano a última fin de semana de abril, dentro do programa da Feira Multisectorial e de Maquinaria Agrícola Expo Ordes.

Durante a celebración deste evento, pódense degustar nos distintos establecementos hostaleiros da vila, múltiples e moi distintas receitas que teñen a este apreciado fungo como ingrediente principal. Ademais, durante a fin de semana, diferentes mostras, exposicións e actuacións a cargo de grupos da contorna amenizarán esta festa.

Festa do Lacón con Grelos de Mesón do Vento: Recentemente declarada como Festa de Interese Turístico, leva celebrándose en Mesón do Vento dende 1999, polo que goza xa dunha importante tradición.

Ademais do apartado gastronómico, esta celebración acostuma a acoller numerosas actividades como a Feira Agro-Ecolóxica, mostras de aves e gando autóctono, poxas de gando e tamén  encontros folclóricos, polo que a música e a diversión acompañan a un dos pratos máis senlleiros da gastronomía galega.

Festas patronais de Ordes na honra de Santa María: O Concello de Ordes celebra as súas festas patronais na honra de Santa María e San Roque os días 15 e 16 de agosto. Os asistentes poderán desfrutar de diversas actuacións musicais e participar nos actos litúrxicos programados para a ocasión, así como da tradicional ofrenda ao emigrante que se ven realizando durante case 40 anos e que serve para render tributo á diáspora galega.

Festas no camiño

Oroso

Festa da Troita: Declarada festa de interese Turístico, comezouse a celebrar no ano 1996, normalmente durante a primeira ou segunda fin de semana de maio. Ten de todo: degustación de troitas, música de diferentes estilos de día e de noite, artesanía, deporte, cultura e animación para todos os públicos.

Ten lugar tamén un campionato de pesca sen morte no que participan adultos e nenos. Os bares, cafetarías e restaurantes do concello colaboran co evento e a maioría ofertan degustación de troitas.

Semana da Cultura: Celébrase a finais de agosto cunha programación ao aire libre de diferentes xéneros culturais, aberto a todos os públicos; teatro, música, monicreques, maxia, obradoiros, e actividades acuáticas no exterior.

A localización espállase por toda a vila e tanto no parque do Carboeiro coma na Alameda de Góis coincide co paso do Camiño Inglés, así os visitantes desfrutan coa veciñanza de toda a celebración do Sacramento e a súa verbena.

Certame Góis-Oroso Arte: Xeralmente durante todo setembro expóñense as obras de varios artistas tanto locais como portugueses da cidade irmandada de Góis en Portugal dende o ano 2007.

O evento é gratuíto para todos os públicos e celébrase no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, situado na rúa da Cultura en Sigüeiro.

Festas no camiño

Paderne

Mostra do Branco Lexítimo:

A primeira fin de semana de xullo, este evento vitícola en Paderne. García de los Salmones cita a denominación “Branca Lexítima” no ano 1914, sendo a primeira vez que aparece referenciada nun documento oficial.

Paderne, berce do Branco Lexítimo, está a situar estes caldos nun lugar destacado, formando parte de prestixiosas publicacións como a Guía Parker ou a Guía Paadín, importantes tarxetas de presentación que sitúan este viño en primeira liña co orgullo de saber que se está a recoñecer todo o esforzo do traballo realizado.

Na Mostra, que congrega ás adegas produtoras desta variedade, o Concello de Paderne presenta un escaparate de calidade, respetuoso coa filosofía dun territorio Reserva da Biosfera e impulsor dun importante valor económico para toda a zona e para a comarca.

Paderne, “paraíso entre ríos” ofrece aos seus visitantes, ademais dun excelente Branco Lexítimo, moitos atractivos tanto para grandes como para os máis pequenos.

Poderá gozar toda a familia percorrendo as distintas adegas, asistindo a catas ou charlas de especialistas sobre o tema, degustando produtos da zona, asistindo a obradoiros diversos ou tamén participando de espectáculos e pasando o día neste escenario tan típico galego que conforma a aldea de Esperela, en Paderne.

Festas no camiño

Pontedeume

Festas patronais das Peras: As festas celébranse na honra a San Nicolás de Tolentino e á Virxe das Virtudes entre o 7 e o 11 de setembro. Entre as tradicións máis destacadas nesta celebración están a saída dos mómaros, a cucaña marítima, o concurso de froitas, o combate naval con fogos de artificio e a “xira” ao río Eume.

Romaría de San Miguel de Breamo: Esta festividade ten lugar arredor da ermita de dito santo os días 8 de Maio e o 29 de setembro. A veciñanza de Pontedeume suben andando desde o centro da vila, sumándolle tradicións como a de dar 9 voltas á capela para quitar o mal de ollo.

Feirón Medieval dos Andrade: Celébrase a primeira fin de semana de xullo, evocando a Idade Media e a historia de Pontedeume nos tempos da familia dos Andrade.

Baixada do Eume. Considerada no mundo do piragüismo unha das mellores probas na modalidade de descenso.

Festas no camiño

Santiago de Compostela

Festas do Apóstolo Santiago: As celebracións dedicadas ao Apóstolo, patrón de Santiago, de Galicia, e de toda España, teñen unha duración aproximada de quince días. Nestas festas conviven a solemnidade relixiosa e oficial, o sabor popular e a animación, que converten a toda a cidade nun gran festival.

O 24 e o 25 de xullo son os días grandes. A noite do 24 hai un impresionante espectáculo de fogos artificiais en honor ao Apóstolo, ao tempo que se queima o gran castelo de piroctenia que imita a fachada gótica da catedral compostelá.

Durante esta quincena as actividades culturais destacan pola súa calidade e diversidade. A música de todos os estilos, a danza e o teatro, os pasarrúas e as verbenas invaden Compostela. A tradicional xuntanza de Bandas de Música de toda Galicia e as exhibicións de traxes rexionais e bailes folclóricos son outras das citas destas festas, que se pechan o día 31 de xullo con outro espectáculo de fogos artificiais.

Semana Santa: A Semana Santa é unha festividade eminentemente relixiosa. Con gran tradición en toda España, nela evócase a morte e resurrección de Cristo e tódolos actos céntranse en lembrar eses acontecementos histórico-relixiosos. A Semana Santa de Santiago de Compostela comprende máis dunha semana de eventos, que inclúen procesións, actos litúrxicos e concertos de música sacra e antiga.

A Semana Santa alcanza a súa maior vistosidade nas procesións. De orixe medieval, as procesións chegan ata os nosos días como mostra de relixiosidade popular, pero tamén como un grande atractivo turístico-cultural. Nelas represéntase (en moitos casos con imaxes de santos de gran valor) a dramática paixón de Xesús segundo o relato do Evanxeo. As confrarías, versión relixiosa dos antigos gremios, son as que organizan as procesións. En Santiago hai na actualidade 13 confrarías, incluída unha moi característica de estudantes.

En diversas igrexas da zona monumental realízanse durante estes días, á tardiña, interesantes concertos de música sacra e antiga.

Festas da Ascensión: Son as segundas máis importantes da cidade despois das do Apóstolo Santiago, patrón da cidade, e celébranse en data variable o sexto xoves tras Pascua de Resurrección. Estas festas, que se prolongan durante unha semana aproximadamente, son unhas das máis entrañables da cidade, tanto polos eventos culturais e lúdicos que inclúen, como pola participación dos estudantes universitarios antes da recta final dos exames de fin de curso.

Romaría de San Lázaro: Festa Gastronómica da Uña.

Entre mediados de marzo e principios de abril, ten lugar esta festividade en San Lázaro, barrio situado á entrada da cidade sobre o Camiño de Santiago, cun dobre carácter relixioso e gastronómico. Ao santo hónraselle coa misa e a procesión, ao que se une a tradición dunha romaría moi antiga que segue a celebrar a poxa dos pés de porco como ofrenda ao santo. A parte culinaria baséase polo tanto nas pezuñas de porco e os bertóns de col. Como en tódalas festas, tampouco falta a imprescindible verbena.