O Camiño Inglés desde A Coruña
Esta ruta de 73.7 quilómetros, coñecida como o Camiño do Faro, separa as cidades da Coruña e Santiago de Compostela. Pode realizarse en tres ou catro etapas
A cidade Herculina no Camiño Inglés desde A Coruña é, desde tempos medievais, o principal porto de chegada daqueles peregrinos e navegantes do norte que, seguindo o ronsel marcado polo descubrimento da tumba do Apóstolo, sentían o afán de chegar a Santiago de Compostela e arribaban á costa galega.
A cidade xa era porto de acollida de navegantes desde tempos romanos, guiados polo seu coñecido faro: a Torre de Hércules. Por iso, o Camiño Inglés desde A Coruña é coñecido como Camiño do Faro.
O momento álxido e de esplendor sucede no século XV, cando os barcos cargados con mercadoría chegaban ao porto tamén con pasaxeiros. Estes peregrinos percorrían a distancia ata Compostela mentres a tripulación descargaba e cargaba a nova mercadoría cara ás terras do norte. Os rexistros do porto, cos permisos destas estibas, actúan como notarios desta realidade e notoriedade da importancia do Camiño Inglés nesta época, dándose unha maior actividade cdurante os períodos xacobeos.
As diferentes etapas desde A Coruña
Os 73.7 quilómetros que separan A Coruña e Santiago de Compostela poden realizarse de varias formas. Xeralmente, o Camiño Inglés desde A Coruña realízase en tres ou catro etapas. Os puntos de chegada de cada etapa son Sergude, Bruma, Sigüeiro e Santiago, aínda que os peregrinos máis aventureiros realizan a primeira etapa desde A Coruña directamente ata Bruma (33 km).
A posibilidade de facer o Camiño Inglés en polo menos catro etapas, convídanos a coñecer a contorna dunha maneira máis sosegada, descubrindo dunha forma máis profunda os atractivos dos diferentes concellos polos que avanza o Camiño. Desta maneira tamén poderemos contactar dunha maneira máis auténtica co hospitalario pobo galego que, como bos anfitrións, acollerán e axudarán aos seus visitantes no seu andar cara á meta do Camiño.
Inicio de ruta Fin de ruta Albergues públicos Albergues privados Outros establecementos Puntos de información turística Aeropuertos Autobuses Trenes
1. A Coruña - Sergude
Esta etapa que parte da cidade herculina pasa por un trazado urbano durante parte dos 20 km que compoñen o traxecto.
2. Sergude - Bruma
Etapa de 13 km que é fisicamente moi esixente pola longa subida, pero ao mesmo tempo moi gratificante pola paisaxe.
3. Bruma - Sigüeiro
Bosques e edificios medievais serán a paisaxe desta etapa cun perfil maioritariamente descendente ao longo de máis de 24.2 km.
4. Sigüeiro - Santiago de Compostela
Os 16.5 km da derradeira etapa do Camiño ofrecen incribles espazos naturais que atravesan o río Tambre e o Bosque Encantado.