etapa Ferrol - Neda parte desde o mesmo porto de Curuxeiras, e cruzando a cidade ilustrada a través da rúa Real, deixaremos á nosa dereita a zona naval-militar. De feito, nesta primeira etapa camiñaremos co mar á nosa dereita case toda a ruta.
O Camiño Inglés por albergues
A primeira parte preséntanos o primeiro Ferrol, un castro costeiro, e ofrécenos un percorrido por ambas as dúas ribeiras da ría. Ademais dos monumentos que ofrece a cidade, entre eles a concatedral de San Xiao e o convento de San Francisco, os peregrinos van atopar o mosteiro de San Martiño de Xubia, que no seu día foi dúplice (de relixiosos e relixiosas). Paga a pena ir á parte de atrás a admirar as súas tres magníficas ábsidas románicas. No seu atrio, e diante da torre do século XVIII, hai un sartego medieval.
Despois de 15 km chegamos a Neda. Agora ti decides se quedas nesta poboación ou continúas cara a Pontedeume, para a cal restan 16 km máis.