Etapas

O Camiño Celta: de Irlanda a Santiago

Estes territorios albergan rutas históricas que os peregrinos poden percorrer camiño de Santiago de Compostela.

Os textos literarios amósannos os vínculos entre os irlandeses e A Coruña, entre eles destaca o Leabhar Gabhála (O libro das invasións) que relata como os fillos de Mil, dos que descendían os gaélicos, tiñan visto Irlanda desde a Torre de Breogán, o famoso faro romano de A Coruña. O comercio, a historia, os sermóns e as lendas teceron un vínculo entre os dous lugares e proporcionaron a aqueles que pensan en peregrinar desde Irlanda a Santiago a sensación de viaxar a través dunha paisaxe familiar.

A partires do ano 1200, a peregrinación a Santiago fíxose popular entre os irlandeses. Os peregrinos partían en barco, elixindo rutas marítimas curtas cara a portos no sur de Inglaterra e despois a Francia, seguidos de longas rutas terrestres. No século XV produciuse un auxe das peregrinacións desde Irlanda cando barcos mercantes máis grandes, rápidos e seguros puideron emprender a travesía marítima directamente á costa ibérica, principalmente á cidade portuaria de A Coruña.

Aínda que hai rexistros de barcos que saíron de portos irlandeses como New Ross en Wexford cargado con 400 peregrinos, só é posible rastrexar a vida dos peregrinos irlandeses de clase alta, como o alcalde de Waterford, James Rice, cuxa crenza na eficacia da peregrinación lle fixo visitar dúas veces Santiago. Pero dentro de Irlanda, tamén había numerosos camiños de peregrinación que conducían aos portos de saída en Galway, Limerick, Cork, Waterford, Dublín ou Drogheda, entre outros.

Hoxe en día, o Camiño Celta ou Celtic Camino aúna esta tradición irlandesa de peregrinación ao longo de marabillosos camiños en Irlanda e o Camiño Inglés desde A Coruña ata Santiago. Os 25 km percorridos en Irlanda e os 75 km desde A Coruña foron bautizados como Camiño Celta pola Camino Society Ireland. Trátase dunha experiencia inesquecible que comeza en Irlanda, cruza o mar e finaliza en Santiago onde os peregrinos obteñen a Compostela por ter percorrido os 100 km mínimos exixidos ao longo dos dous países.

Camino Society Ireland encárgase de recoñecer as rutas de peregrinación dentro de lrlanda. Os peregrinos deberán acreditar a realización de 25 km de ruta en Irlanda cos selos correspondentes no pasaporte oficial do Camiño de Santiago e a Camino Society entregará ao peregrino unha Compostela o Camiño Celta. Esta presentarase na Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela xunto cos selos desde A Coruña a Santiago para os 75 km restantes e obter así a Compostela que outorga a Catedral de Santiago.