Brasa de Beche: Galardón de Excelencia Rede Stelar

A ASOCIACIÓN DE CONCELLOS DO CAMIÑO INGLÉS ENTREGA O GALARDÓN DE EXCELENCIA DA REDE STELAR A ‘BRASA DE BECHE’ EN ABEGONGO

–O presidente da asociación, Bernardo Fernández, eloxiou “a calidade do produto, a profesionalidade e a hospitalidade” deste local que acolle a peregrinos de todo o mundo

–A Rede Stelar integra establecementos nos distintos municipios ao longo do Camiño Inglés

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Bernardo Fernández, entregou ao establecemento Brasa de Beche (Abegondo) o galardón de excelencia por estar valorado entre os mellores locais da Rede Stelar.

É o segundo local do Camiño Inglés que recibe esta distinción tras Casa Avelina, en Carral. Fernández destacou sobre o establecemento “o seu bo trato humano, a calidade do produto, a profesionalidade e a súa hospitalidade cos peregrinos de todo o mundo que percorren o Camiño Inglés”.

Na entrega deste galardón, que se celebrou no propio establecemento, estiveron, ademais de Bernardo Fernández, o presidente de honra da asociación, Manuel Mirás; o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.

Con relación ao Camiño Inglés, que medra cada ano, Fernández puxo en valor “a coordinación entre as administracións e os concellos implicados para ofrecer unha ruta de calidade”.

O presidente de honra da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, considerou Brasa de Beche “un exemplo de turismo sostible, os establecementos da Rede Stelar son cada vez máis coñecidos e valorados”.

O alcalde de Abegondo, José Santiso, amosouse “agradecido e orgulloso deste recoñecemento no noso concello”, facendo referencia “ao complexo turístico novedoso que estamos a facer no Encoro de Beche”. Por último, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, engadiu que “esta distinción é un recoñecemento ao traballo ben feito”.

Brasa de Beche abriu no ano 2022, é un restaurante km0 que aposta polo produto de proximidade e a cociña atlántica. É un dos establecementos mellor valorados da Rede Stelar, formada por locais turísticos nas distintas vilas polas que discorre a ruta xacobea. Dita rede está impulsada pola Asociación de Municipios do Camiño Inglés en colaboración coa Deputación da Coruña.

A Rede Stelar

A Rede Stelar é un proxecto promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña, para conformar unha rede de establecementos turísticos en cada un dos municipios polos que pasa esta ruta Xacobea.

Uns locais que deben apostar pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino, para o que deben cumprir unha serie de requisitos relacionados coa sostibilidade, o emprego de produtos agroalimentarios e pesqueiros quilómetro cero, e a calidade no servizo.

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está constituída por 16 municipios polos que discorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume y Santiago de Compostela.

Escribe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *