Nota de prensa

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés condena a agresión militar a Ucraína

Ucraina

Diante da grave situación humanitaria que se vive nestes momentos na Ucraína, dende a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, como ente xestor e promotor desta ruta xacobea, queremos manifestar a nosa máis enérxica condena pola agresión militar da Federación Rusa sobre un país soberano como Ucraína. Os actos de guerra acontecidos nas últimas semanas son contrarios ao Dereito Internacional e á Carta de Nacións Unidas, pero ademais supoñen unha flagrante vulneración dos dereitos humanos da poboación ucraína.

Por iso, esixímoslle á Federación Rusa que deteña de inmediato as hostilidades contra Ucraína e instamos a todas as partes a buscar o camiño que nos leve o máis pronto posible a unha resolución diplomática, pacífica e democrática deste conflito. Esta Asociación está orgullosa do seu labor como entidade encargada de salvagardar os valores esenciais do Camiño e da peregrinación: a solidariedade, a convivencia, a hospitalidade, o respecto, a tolerancia, a fraternidade, a empatía… Valores todos eles que desaparecen co primeiro disparo, coa primeira agresión.

Nun ano excepcional coma este, o primeiro Ano Santo da historia con dous anos de duración e despois dunha excepcional pandemia a nivel mundial, é tempo de volver ao Camiño correcto, o Camiño da paz. Unha paz entendida non só como a ausencia de conflitos, senón como o feito de aceptar as diferencias e ter a capacidade de escoitar, recoñecer, respectar e apreciar aos demais. Como Asociación de Concellos do Camiño Inglés estamos totalmente convencidos de que, por moi escuras que estean as cousas, sempre seremos quen de atopar o Camiño correcto.