Nota de prensa

Os Concellos do Camiño Inglés presentan alegacións ao parque eólico Monte San Bartolomé por consideralo “ilegal e incompatible coa ruta polo seu impacto negativo”

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés presentou alegacións ao proxecto do parque eólico Monte San Bartolomé polo seu impacto negativo sobre o patrimonio natural e histórico da ruta, ademais de solicitar “unha Declaración de Impacto Ambiental Negativa”.

 

O parque, proxectado por Enel Green Power España, afecta directamente aos concellos de Ordes, Mesía, Carral e Abegondo. “Consideramos que é ilegal e incompatible co Camiño Inglés por diferentes motivos”, explica o presidente da asociación de concellos, Manuel Mirás.

 

Entre outros aspectos, o parque eólico incumpre o contorno de protección do Camiño. O artigo 77 da Lei 5/2016, de Patrimonio Cultural de Galicia, sostén que “as obras e actividades no ámbito delimitado dos Camiños de Santiago serán compatibles coa conservación e protección dos seus valores propios, e como criterio xeral deberán manter as características principais do territorio que o conforman, o que suporá preferentemente o mantemento dos núcleos tradicionais e das actividades agropecuarias e forestais”, sen que por elo teñan encaixe os aeroxeradores.

 

A mesma lei matiza que os Camiños de Santiago non son só o seu trazado
camiñable e a zona de protección que os ampara. Inclúen tamén todos os elementos funcionais e o territorio circundante (elementos físicos, os vestixios históricos presentes no territorio, a interacción do Camiño co territorio humanizado, e os elementos intanxibles).

 

O promotor omite a análise do impacto do PE San Bartolomé sobre estes elementos físicos e intanxibles, analizando única e deficientemente o impacto físico e visual do parque. É unha avaliación deficiente, pero o propio promotor admite que “debido á proximidade das infraestruturas cos bens do Patrimonio Cultural, o impacto global considérase negativo e significativo”.

 

Resulta por outra parte irónico que o promotor propoña crear unha “rede de itinerarios de interese paisaxístico e ambiental” como medida compensatoria do dano xerado polo seu proxecto.

Manuel Mirás solicita “o pronunciamento do Comité Asesor do Camiño de Santiago, así como un informe de opinión do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago”.

 

“Nas próximas semanas a Xunta de Galicia aprobará o novo Plan Director do Camiño de Santiago, que será a folla de ruta para favorecer a conservación e protección do Camiño. O órgano ambiental competente, en aras ao principio de precaución, debe absterse de emitir un informe favorable ao PE Monte San Bartolomé ata que non se aprobe devandito Plan”, afirma a asociación de concellos.

 

“A obrigación de preservar o Camiño de Santiago traspasa o ámbito legal. É un deber moral, social e político defender e velar polo mantemento e a conservación do que máis nos representa en Galicia. É un deber como galego preservar o territorio do Camiño de Santiago intacto, sen converter a súa contorna nun polígono industrial de produción de enerxía. Facer o contrario é indigno da nosa historia, da nosa cultura e do noso patrimonio”, remata o presidente da asociación de concellos.