F.A.Q.

Preguntas frecuentes

Resolve esas pequenas dúbidas que todas e todos temos antes de empezar unha viaxe deste tipo.

Scroll
1. Cales son os motivos principais polos que se fai o Camiño de Santiago?

Entre os motivos polos que o peregrino decide realizar o Camiño de Santiago atópanse a devoción e a relixión, pero tamén outros como a realización persoal, a actividade física, a desconexión, o descubrir novos lugares e coñecer xente. Cada peregrino vive un Camiño diferente, pero todos eles van cara ao mesmo lugar.

2. É posible realizar o Camiño só?

O Camiño é unha experiencia para realizar en grupo ou de xeito individual. Ao longo do Camiño, atoparaste con diferentes peregrinos onde detrás de cada un hai unha historia e unha vivencia persoal, ademais dunha forma de vivir o Camiño. Se o que che preocupa é a seguridade do percorrido ou a posibilidade de que ocorra algún imprevisto, tranquilo. O Camiño Inglés é unha opción completamente segura; son moitos os peregrinos que se aventuran por esta ruta en soidade ata Santiago de Compostela. Non debes esquecer que o Camiño caracterízase pola súa hospitalidade e solidariedade, polo que sempre estarás arroupado ante calquera problema que poida aparecer.

3. Pódese facer o Camiño de Santiago con mascotas?

O Camiño Inglés pódese realizar co can sen problema, aínda que se é o caso débense ter en conta as súas necesidades. En canto aos aloxamentos é convinte preguntar con antelación se admiten mascotas e, en caso afirmativo, cales serían as condicións. Nos albergues públicos, polo xeral, non é posible aloxarse con mascotas, non obstante, existen establecementos privados nos que si o permiten.

4. Cal é a diferencia entre Compostela e Credencial?

A credencial é un documento que vai acompañar ao peregrino durante o seu Camiño, e nel vanse colocar os selos que acreditan a correcta realización do percorrido. A Compostela é un documento que acredita, unha vez realizado o Camiño, que se cumpriron os requisitos e se fixeron as etapas. Poderíase considerar un “diploma” final por realizar o Camiño.

5. Como consigo a miña credencial?

A credencial conséguese mediante as Confrarías do Apóstolo Santiago e as asociacións autorizadas. En A Coruña é posible comprala na igrexa de Santiago e en Ferrol na concatedral de San Xiao.

6. Cal é o mínimo de quilómetros para conseguir a Compostela?

Para conseguir a Compostela hai que realizar polo menos 100 km camiñando ou 200 km en bicicleta ou de a cabalo. No caso de A Coruña, aínda sendo a distancia inferior, é posible conseguila se es habitante ou residente na cidade. Para iso sería necesario presentar a documentación acreditativa como o DNI, certificado de empadroamento, contrato de aluguer ou calquera outro documento oficial que mostre que se cumpren os requisitos.

7. Hai que reservar os albergues, hoteis ou pensións nos que vaiamos a durmir?

No caso dos albergues públicos a reserva realízase por orde de chegada, aínda que coa situación da COVID-19 é posible reservar dende as 13:00 do día anterior a través da web alberguesxacobeo.gal Nos albergues privados pódese reservar previamente unha cama ao igual que no resto dos aloxamentos, no caso de que se desexe levar unha garantía dos lugares nos que durmir.

8. É posible quedarse nun albergue máis dun día?

Polo xeral, a estancia máxima nun albergue público é dunha noite. Non obstante, existe a posibilidade de quedarse un día máis por causas de enfermidade, a causa dalgunha lesión ou situación excepcional concreta. De tódolos modos, é posible preguntar antes de realizar o Camiño mediante os teléfonos de contacto de cada un dos aloxamentos.

el mejor pulpo del camino de santiago
9. É seguro?

O Camiño Inglés abarca cerca de 200 km coas súas dúas variantes. A pesar de tratarse dun territorio seguro e cun gran número de núcleos habitados ao longo do percorrido, sempre é recomendable ter controladas as pertenzas persoais.

Por outra parte, ante a situación actual de Covid-19 os aloxamentos e establecementos que se atopan no Camiño Inglés extremaron as precaucións. A capacidade reduciuse, a hixiene aumentou considerablemente e ademais, os protocolos para peregrinos establecéronse de xeito obrigatorio. Entre os protocolos atópase a toma de temperatura, a embalaxe da mochila e o calzado a súa chegada, uso de hidroxeles, distancias de seguridade para previr contaxios, e todas aquelas medidas demandadas polos organismos oficiais.

10. Está ben sinalizado ou necesítase unha guía ou mapa?

O Camiño Inglés dispón dunha sinalización clara na maior parte do seu percorrido. Nunca está de máis levar algún mapa ou guía para coñecer en profundidade as curiosidades da ruta. Unha boa opción é descargar no móbil algunha Aplicación cos mapas e itinerario do Camiño de Santiago.

11. Como me oriento no Camiño?

Ao longo do Camiño existe unha sinalización clara que indica a dirección do Camiño de Santiago. As frechas amarelas, localizadas nas mouteiras ou nos puntos estratéxicos fan posible unha fácil orientación durante o percorrido.

12. Canto diñeiro se gasta de medía ao día?

O prezo dos albergues públicos é de 8 euros por persoa e noite. Estímase que o presuposto diario sexa de entre 25 a 30 euros por día, incluíndo as comidas. Pola contra, existen diversas formas de realizar o Camiño polo que en función do aloxamento seleccionado e a restauración elixida pode variar.

13. Hai que levar cartos en efectivo?

Aínda que en moitos restaurantes e bares que se atopan no Camiño é posible pagar con tarxeta, é recomendable levar cartos en efectivo para os albergues e incluso para as diferentes tendas e postos que se visiten ao longo do traxecto.

14. Que tipo de roupa debo levar ao Camiño?

A vestimenta ideal debe ser lixeira, de fácil limpeza e secado, ademais de cómoda. É recomendable levar pastillas de xabón para lavar a roupa ao chegar aos albergues.

15. Que calzado levo?

É moi recomendable levar calzado que se adapte perfectamente ao pé e previamente utilizado para evitar feridas e rozaduras. Existen tamén calcetíns específicos para camiñar que poden ser de gran comodidade.

16. Que obxectos poden facilitarme o Camiño Inglés?

Existen obxectos que poden facilitar a vida durante o Camiño. Dende uns pequenos utensilios de cociña, agullas esterilizadas por se aparecen feridas, ou fío de coser para remendar calquera prenda.

17. É posible lavar a roupa nos albergues?

Nalgúns albergues é posible atopar lavadoras e secadoras que funcionan con diñeiro. Non obstante, outros teñen para lavar á man e tendal con corda para colgar a roupa unha vez limpa, polo que neste caso é recomendable levar un par de pinzas.

18. Cal é o peso que debo levar na mochila?

O peso recomendado da mochila non debe de superar o 10% do peso total da persoa. Unha sobrecarga pode ocasionar lesións das costas, articulacións e noutras partes do corpo.

19. Cal é a mellor época para facer o Camiño?

O Camiño Inglés presenta un tempo menos chuvioso dende principios de maio ata o mes de setembro. Non obstante, ao contar cun clima oceánico suave fai que poida facerse en calquera época do ano, xa que é a forma ideal para descubrir a auténtica identidade desta ruta xacobea.

20. Cal é a hora máis recomendable para camiñar?

As primeiras horas da mañá son frescas polo que son ideais para camiñar, ademais, o feito de madrugar fará que chegues antes ao próximo albergue, consigas praza, teñas máis tempo para descansar e ao mesmo tempo, que goces mais da contorna que te rodea.

21. Cantos quilómetros fago ao día?

Coñecer a condición física de cada persoa vai ser elemental para saber o número de quilómetros diarios. A nosa recomendación é que sigas un ritmo que che permita completar o Camiño, evitando posibles lesións por exceso de actividade. Ademais, iso permitirache coñecer en maior profundidade os atractivos e recursos do Camiño Inglés. A nosa recomendación é realizar unha media ao día de entre 16 a 25 km, segundo as etapas.

22. Como solicito a Compostela ao finalizar o Camiño?

Solicítase na Oficina de Atención ao Peregrino, localizada na rúa Carretas. Seguindo as indicacións que alí se atopan é posible conseguir a Compostela se cumpren os requisitos esixidos.