St Kevin’s Way

Wicklow – 30 km, dende Hollywood a Glendalough

St Kevin’s Way segue os pasos de St Kevin a través dos outeiros de Wicklow ata o inquietante e misterioso val de Glendalough, onde pasou o resto da súa vida en oración e contemplación solitaria. Despois da morte de Kevin no ano 618 d.C., o que tiña sido un humilde retiro de ermitáns converteuse nunha impresionante cidade monástica que continuaría como un centro de caridade e aprendizaxe durante moitos anos. Os peregrinos medievais viñan de todas as partes para visitar a tumba de St Kevin.

Foto: Glendalough Co Wicklow - Turismo de Irlanda

A ruta comeza en Hollywood e despois sube cara o espectacular Wicklow Gap, o punto máis alto do camiño. As lousas do antigo camiño de peregrinación aínda son visibles nalgúns tramos. Logo, a ruta segue o descenso do río Glendasan cara o val de Glendalough. Pouco queda do mosteiro primitivo que medrou arredor da tumba de San Kevin, cos seus edificios monásticos dos séculos XI e XII, a era dourada da peregrinación europea.