Nota de prensa

30 nenos/as do CEIP de Sigüeiro desfrutan da súa primeira saída post-Covid da man da Asociación de Concellos do Camiño Inglés

CEIPSigüeiro1
Cristina García e José María Ruzo, xerente e técnico da Asociación, guiaron ao alumnado de Educación Infantil, de catro anos, polo tramo do Camiño Inglés que transcorre por Sigüeiro

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés organizou o itinerario que percorreron unha trintena de nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro, de catro anos de idade, na que foi a súa primeira saída escolar despois de dous anos de pandemia. A actividade desenvolveuse en dúas quendas: unha ás 10:30 e outra ás 12:00 horas. En ambos os dous casos estiveron acompañados tanto polos seus profesores e profesoras como pola xerente e o técnico da Asociación, Cristina García e José María Ruzo.

A andaina comezou no primeiro sinal do Camiño, situado no Parque do Carboeiro, para continuar ata o memorial do cabaleiro peregrino Heinrich von Zug, de orixe suíza. Neste punto falaron da peregrinación na Idade Media e a vestimenta que se utilizaba, exemplificada cun traxe que a Asociación trouxo para a ocasión. O alumnado seguiu as cunchas amarelas ata chegar á fonte do proxecto Life Water Way, de recente inauguración no paseo dos Peregrinos Ilustres. Ademais de coñecer os personaxes máis relevantes do Camiño Inglés, tamén selaron a credencial de peregrinaxe.

A Rúa do Camiño Real foi a seguinte parada, onde se explicou a importancia desta senda no pasado. Finalmente, a guinda da excursión foi visitar o Albergue Camiño Real, onde os nenos e nenas puideron ver onde dormen as persoas peregrinas. A saída finalizou coa mostra dunha Compostela, o documento que certifica que se fixo o Camiño de Santiago. Foi neste momento cando un peregrino pasou pola zona e o alumnado do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro correu a saudalo.

O Camiño Inglés na Escola


A xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García Souto, explica que é interesante ensinar sobre o Camiño Inglés desde idade temperá xa que “os nenos e nenas son o presente e son o futuro”. Por este motivo, a Asociación está traballando un novo proxecto: “O Camiño Inglés na Escola” que permitirá que os máis pequenos e pequenas poidan aprender sobre os valores, símbolos e significados do Camiño.

Pola súa parte, o profesorado do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro agradeceu a colaboración da Asociación de Concellos do Camiño Inglés para traballar contidos dentro do programa “Vexo, veo, Xacobeo”. Unha iniciativa educativa multidisciplinar da Axencia Turismo de Galicia que permite ao alumnado galego de infantil e primaria investigar sobre o Camiño de Santiago e o Xacobeo.

Unha excursión con premio


Antes de comezar a andaina, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés vestiu aos alumnos e alumnas de infantil cun pano amarelo e azul, cos símbolos do Camiño e da Asociación. Ademais, o Albergue Camiño Real premiou aos pequenos e pequenas cuns doces. Pola súa parte, o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro entregou un agasallo á Asociación como agradecemento pola organización e xestión desta saída escolar.