Nota de prensa

Asociación e Deputación asinan un convenio para investir máis de 473.000 euros na mellora e posta en valor do Camiño Inglés

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o seu homólogo da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a entidade provincial destinará 342.414,54 euros para sufragar o 72,37% do orzamento total dun proxecto para realizar actuacións de mellora e posta en valor desta ruta xacobea. Este proxecto, elaborado pola asociación, inclúe un investimento de 473.131,80 euros en obras nos 16 municipios polos que pasa o Camiño Inglés.

Realizaranse obras de pavimentación, sinalización, iluminación, mellora da seguridade e renovación de inmobles para resolver distintas necesidades que foron detectadas no informe Accións de Mellora no Camiño Inglés, financiado pola Deputación da Coruña, e outras que foron trasladadas polos propios concellos.

Este é o listado de actuacións nos tramos do Camiño Inglés dos diferentes concellos: en Ferrol realizaranse instalacións de iluminación, sinalización e seguridade; en Narón a instalación de iluminación e balizado no paseo de Xuvia, en Neda a reposición de beirarrúas no tramo do camiño do Regueiro; en Fene e Cabanas acondicionarase unha parcela arborada; en Pontedeume mellorarase o pavimento; en Miño acondicionarase o cruzamento do Camiño coa estrada da Praia; en Paderne mellorarase a pavimentación dun tramo, en Betanzos acondicionaranse as fontes do Camiño; en Abegondo mellorarase a seguridade viaria na estrada DP-0105; en Mesía mellorarase o tramo ó seu paso por Hospital (Bruma); en Ordes rehabilitarase un edificio para servizo de veciños e peregrinos; en Oroso crearase unha edificación para centro de atención turística; en Santiago de Compostela acondicionarase o tramo da rúa de Meixonfrío; na Coruña mellorarase a sinalización e instalarase novo mobiliario e, por último, en Carral executarase a sinalización do Camiño e acondicionarase o interior do local social das Travesas.