Nota de prensa

Manuel Mirás agradece o traballo realizado polas dúas alumnas da Universidade de Newcastle que visitaron o Camiño Inglés

MirasVisitaNewcastle
Erisa Mizunoue e Olivia Curtis visitaron Galicia durante a Semana Santa e realizaron unhas enquisas que formarán parte dun estudo sobre a demanda turística no Camiño Inglés no 2022

19 de abril de 2022. O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, despediu no aeroporto de Lavacolla a Erisa Mizunoue e Olivia Curtis, dúas estudantes do Departamento de Linguas Modernas da Universidade de Newcastle que visitaron esta ruta xacobea durante a pasada Semana Santa. Unha viaxe organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Universidade de Newcastle.

Manuel Mirás agradeceu a visita de ambas estudantes que, ademais de coñecer gran parte do Camiño Inglés, “aproveitaron para realizaren enquisas en Ferrol, Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Oroso e Santiago a outros peregrinos que percorreron o Camiño Inglés durante esta Semana Santa e que formarán parte dun estudo demoscópico máis amplo sobre a demanda turística do Camiño Inglés que dende a Asociación temos previsto facer este ano en colaboración coa Universidade da Coruña”.

Gran satisfacción

Pola súa banda, Erisa e Olivia agradeceron a colaboración recibida dende a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, sobre todo tendo en conta que era a primeira viaxe de ambas as dúas fóra do Reino Unido. Olivia Curtis apuntou que “hemos encontrado mucha gente de todas partes del mundo y ha sido un placer poder hablar con ellos, además de practicar nuestro español” e destacou especialmente “Santiago, y haber coincidido con la Semana Santa ha sido genial porque hemos podido ver alguna procesión religiosa que era muy inspiradora”.

Pola súa banda, Erisa Mizunoue sinalou que “hemos visitado muchos sitios preciosos, probado platos típicos locales… Un viaje increíble en el que especialmente me sorprendió Pontedeume, un pueblo muy pequeño y muy bonito”. 

A visita de Erisa e Olivia é consecuencia da edición do libro “The pilgrimage to Santiago de Compostela from Great Britain: a preliminary aproach” (“A peregrinación a Santiago de Compostela dende Gran Bretaña: unha aproximación preliminar”), obra do xornalista ferrolán Cristóbal Ramírez, Cronista Oficial do Camiño Inglés. Un libro editado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Deputación da Coruña e a Universidade de Newcastle, cuxo departamento de Linguas Modernas se encargou da súa tradución ao inglés. Erisa Mizunoue e Olivia Curtis foron as gañadoras dun sorteo realizado entre todo o alumnado que participou na tradución deste libro, cuxo premio era unha viaxe para facer o Camiño Inglés.