O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, vén de facer entrega dos premios da segunda edición do Concurso de Fotografía Dixital “O Camiño Inglés”, certame convocado pola propia asociación en colaboración coa Asociación de Amigos El Camiño Inglés e a Deputación da Coruña. Unha iniciativa á que se presentaron un total de 87 imaxes, 22 das cales serán recollidas pola Asociación para organizar unha exposición itinerante que percorrerá durante 2023 os dezaseis municipios polos que discorre esta ruta xacobea.
O primeiro premio foi para Mayte Silva, veciña de Oroso, pola imaxe “Ir e vires”, unha imaxe tomada hai un par de anos cando fixo o Camiño Inglés canda a familia e amizades. Como anécdota, recoñece que presentou a fotografía “o derradeiro día do concurso, tras ver un aviso no Facebook”. O segundo premio foi para Francisco Boo, veciño de Narón, pola proposta “As cores do mosteiro”, unha imaxe do espectáculo de luz no cenobio de San Martiño de Xuvia (O Couto); e o terceiro foi para Beatriz Camacho, veciña de Cidade Real e ausente na entrega de premios, por “Renacer entre la bruma”, que recollía unha mouteira entre a néboa.
Os premios consistiron nun trofeo e un diploma conmemorativos, canda bonos de 150, 100 e 50 euros a canxear en calquera establecemento de aloxamento e restauración do Camiño Inglés incluído na Rede Stelar, a rede de excelencia e atención ao peregrino promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés.
Manuel Mirás felicitou aos gañadores por participar “nunha iniciativa coa que buscamos aumentar a visibilidade do Camiño Inglés e poñer en valor todos os bens patrimoniais, paisaxísticos, etnográficos, gastronómicos e culturais”. Neste sentido, convidou aos gañadores a sumarse ás exposicións itinerantes que se organicen coas 22 imaxes máis votadas do certame.